Ir o contido principal
Científica

O CiMUS da USC brinda á saúde das neurocientíficas na xornada "Cheers to Women in Neuroscience"

  • A primeira edición deste encontro divulgativo está organizada pola investigadora do CiMUS Ana Isabel Rodríguez, en colaboración coa Sociedade Española de Neurociencia
  • Plasticidade cerebral, claves da científica que revolucionou a neurociencia, Rita Levi-Montalcini e "bolboretas da alma", as mulleres da Escola Cajal, centrarán os temas da xornada
  • Terá lugar o próximo 22 de febreiro, xoves, ás 19:00h na Nave de Vidán (Av. Mestra Vitoria, 44, Santiago)

 

O CiMUS da USC estende o seu programa conmemorativo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia 2024 cunha xornada divulgativa sobre neurociencia e o papel da muller neste campo. Trátase do encontro "Cheers to women in neuroscience", organizado pola investigadora principal do centro da USC, Ana Isabel Rodríguez, como membro do Comité de Mulleres da Sociedade Española de Neurociencia (SENC). É un evento inspirado no exitoso movemento de divulgación científica internacional "Pint of Science", que busca fomentar o interese e a vocación das nenas e as mozas cara a neurociencia.

"Abrir a ciencia á sociedade, neste caso a través de lugares de lecer como os bares, é o noso obxectivo coa celebración desta xornada", comenta a investigadora do CiMUS Ana Isabel Rodríguez. "Aclarando as bases da plasticidade cerebral", a cargo de Alba Vieites Prado, "Rita Levi-Montalcini, a científica que revolucionou a neurociencia", a cargo de Rita Valenzuela e "Elas: esas bolboretas da alma", da man da propia organizadora Ana Isabel Rodríguez son os temas elixidos para este brinde con nome de muller.

O evento terá lugar o vindeiro xoves, 22 de febreiro, ás 19:00 horas, na Nave de Vidán (Av. Mestra Vitoria, 44, Santiago de Compostela).