O CiMUS da USC incorpora a protonterapia como nova liña de investigación
- Faino de man da súa nova IP Yolanda Prezado, científica referente en París neste campo
- A transversalidade desta área permitirá establecer sinerxías cos distintos grupos deste Centro Singular, sobre todo coas especialidades en bioloxía, medicina e métodos de Drug Discovery dada a súa interesante aplicación no campo da radioterapia
- O seu grupo de investigación foi pioneiro no desenvolvemento dunha técnica de radioterapia prometedora, menos invasiva e máis eficaz, baseada en mini-faces de protóns
- Traballan tamén na chamada radioterapia FLASH; a optimización das combinacións radio-immunoterapia e a alianza da radioterapia e nano-partículas
O CiMUS da USC amplía as súas áreas de investigación cunha nova liña de estudo, a protonterapia, e faino sumando ao equipo deste Centro Singular a nova IP Yolanda Prezado, científica referente en París neste campo. Entre os seus obxectivos atópase catalizar a creación dunha comunidade a nivel rexional e nacional que permita situar a España na vangarda da investigación en radio e protonterapia e radiobioloxía.
"Polos seus profesionais, recursos, funcionamento e localización estratéxica, o CiMUS da USC é o ecosistema idóneo para amplificar a investigación neste campo que estaba a desenvolver no Institut Curie, en París, unha investigación que polo seu carácter transversal vai permitir establecer facilmente sinerxías cos distintos grupos deste Centro Singular. As especialidades en bioloxía, medicina e métodos de Drug Discovery do CiMUS son sumamente interesantes para ser aplicadas no campo da radioterapia", comenta a nova IP.
Liñas de traballo
Yolanza Prezado fundou o seu equipo en 2013 no Centro Nacional para a Investigación Científica francés (CNRS) co nome "Novos enfoques en Radioterapia" e integrouse, posteriormente, no 2019, no Institut Curie como líder de grupo en radiobioloxía traslacional. O nome do equipo reflicte claramente a filosofía do seu grupo ao ser a radioterapia uno dos alicerces do tratamento contra o cancro. A estratexia do seu equipo consiste en modular a resposta biolóxica e, por tanto, dos tratamentos cambiando os parámetros físicos da irradiación. Nesta liña, foron pioneiros no desenvolvemento de novas técnicas de radioterapia, como, por exemplo, a radioterapia con mini-faces de protóns, menos invasiva e máis eficaz ao cambiar radicalmente a distribución espacial da dose. Estas novas técnicas en fase preclínica empregan modos de deposición da dose moi diferente á radioterapia convencional e conducen a unha redución drástica da toxicidade, o cal permite facer unha escalada de dose segura en tumores agresivos e radioresistentes, aumentando así o índice terapéutico.
Traballan tamén na chamada radioterapia FLASH, tamén prometedora para o actual tratamento contra o cancro, cuxas vantaxes radican na rapidez de aplicación do tratamento e a redución da toxicidade. A radioterapia Flash administrada de forma moi rápida reduce nalgúns casos a toxicidade nos órganos sans, mantendo a efectividade fronte ao cancro. Outras liñas de traballo son a optimización das combinacións radio-immunoterapia e a alianza da radioterapia e nanopartículas.
Aplicación clínica
A nova IP do CiMUS lembra que as guías e recomendacións internacionais actuais recomendan a radioterapia para tumores oculares, incluídos as melanomas intraoculares; tumores que se aproximan ou se localizan na base do cranio (por exemplo cordomas); tumores primarios ou metastásicos da columna vertebral nos que a tolerancia da medula espinal poida superarse cun tratamento convencional ou nos que a medula espinal fose sometida previamente a un tratamento convencional; cancro hepatocelular; certos tipos de tumores sólidos primarios ou benignos en nenos tratados (moitos no sistema nervioso central); pacientes con síndromes xenéticas que fan crucial a minimización do volume total de radiación, por exemplo, aínda que non exclusivamente pacientes con NF-1 e retinoblastoma; tumores malignos e benignos primarios do sistema nervioso central; casos de reirradiación (nos que a dose acumulada na estrutura crítica superaría a dose de tolerancia) e algúns outros.
Prezado precisa que as indicacións vanse ampliar a medida que se avance nas investigacións e que se vaia adquirindo máis e máis evidencia da potencial vantaxe noutras localizacións.
Cambio de paradigma
A nova IP do CiMUS sinala que se está no medio dun cambio de paradigma na especialidade da radioterapia. "Primeiro porque está a evolucionar de ser unha disciplina guiada pola tecnoloxía a selo pola bioloxía. E como tal, a investigación é cada vez máis interdisciplinar e máis centrada na radiobioloxía e con maior interfaz con outras disciplinas como a inmunoloxía, a xenética, bioinformática e outras. E segundo, porque as observacións e resultados científicos da última década están a xerar un cambio de mentalidade e de práctica clínica moi importantes. Por exemplo, cada vez téndense a realizar máis tratamentos hipofraccionados (dar doses máis altas en menos sesións), o cal pode ser beneficioso a nivel de resposta e custo do tratamento. Ou cada vez acéptanse máis certas ideas consideradas "heterodoxas" ata hai uns anos, como que para erradicar un tumor non se necesitan doses estritamente homoxéneas", conclúe a investigadora.
Grupo New Approaches in Radiotherapy - Yolanda Prezado