Ir o contido principal
Científica

O CiMUS da USC lidera DECODES, unha rede europea para descifrar o papel do «splicing» nas enfermidades humanas

  • O splicing é un mecanismo de regulación xénica que permite que un mesmo xene xere diferentes moléculas de ARN e, en consecuencia, distintas proteínas, e cuxa alteración pode contribuír ao desenvolvemento de enfermidades.
  • O proxecto formará 15 investigadores predoutorais en nove países para impulsar unha nova xeración de especialistas en splicing e favorecer a transferencia de coñecemento cara a futuras aplicacións biomédicas.
  • DECODES busca descifrar os mecanismos do splicing alternativo e trasladar este coñecemento ao diagnóstico e tratamento de enfermidades como o cancro, as enfermidades neurodexenerativas e metabólicas e as enfermidades xenéticas raras.
  • O Centro Singular acollerá catro das liñas de investigación doutoral de DECODES, centradas na fibrose hepática, nas enfermidades desmielinizantes e nos tumores do sistema nervioso periférico.

 

O CiMUS da USC lidera DECODES (Deciphering the Splicing Code in Human Disease), unha nova rede europea que busca afondar no coñecemento do papel do splicing nas enfermidades humanas e avanzar no desenvolvemento de novas ferramentas para o seu diagnóstico e tratamento. O proxecto, coordinado desde o Centro polos investigadores Marta Varela Rey e Ashwin Woodhoo, coa participación da directora científica Mabel Loza, comezará o 1 de xaneiro de 2027, terá unha duración de catro anos e contará cun financiamento de 4,5 millóns de euros. Esta iniciativa permitirá formar 15 investigadores predoutorais nunha rede internacional que integra universidades, centros de investigación e empresas en nove países europeos.

 

Avanzar na regulación xénica e na súa aplicación diagnóstica e terapéutica

O obxectivo é descifrar o código do splicing e, en particular, o splicing alternativo, un mecanismo de regulación xénica que permite que un mesmo xene xere diferentes moléculas de ARN e, en consecuencia, distintas proteínas. Este proceso é clave para a diversidade e o funcionamento das nosas células, pero a súa alteración pode contribuír ao desenvolvemento de enfermidades como o cancro, as enfermidades neurodexenerativas e metabólicas e diversas enfermidades xenéticas raras.

«DECODES nace para pechar a fenda entre o coñecemento destas alteracións e a súa aplicación no diagnóstico e tratamento, mediante un programa científico e formativo que abranguerá desde a identificación de isoformas de ARN asociadas á enfermidade e o estudo dos mecanismos que regulan a súa formación ata o desenvolvemento de estratexias terapéuticas capaces de modular especificamente o splicing», explica a investigadora principal do CiMUS e coordinadora científica de DECODES, Marta Varela.

«Un dos aspectos máis importantes de DECODES é conseguir reunir nunha mesma rede investigadores que son referentes internacionais en áreas moi diferentes, pero absolutamente complementarias», subliña Ashwin Woodhoo, investigador distinguido contratado polo programa Oportunius da Xunta de Galicia, adscrito ao CiMUS, e coordinador científico de DECODES. «Isto permitiranos estudar o splicing desde os seus mecanismos moleculares máis fundamentais ata explorar como podemos utilizar ese coñecemento para desenvolver novas aproximacións terapéuticas».

 

Formar a próxima xeración de especialistas

A iniciativa combinará investigación básica e aplicada e reunirá expertos de diferentes disciplinas e países. Ao mesmo tempo, a formación de 15 investigadores predoutorais contribuirá a crear unha nova xeración de especialistas en splicing, favorecendo a transferencia de coñecemento cara a futuras aplicacións biomédicas.

Os 15 investigadores predoutorais desenvolverán as súas teses nun programa interdisciplinar que combinará a súa investigación con formación en xenómica computacional, bioloxía estrutural, bioquímica do ARN, modelos de enfermidade, química medicinal e cribado farmacolóxico, ademais de competencias transversais en innovación e emprendemento. Realizarán tamén estadías noutros laboratorios e empresas, traballando en diferentes países, disciplinas e contornos profesionais.

«Queremos que DECODES sexa moito máis ca 15 proxectos de doutoramento independentes», sinalan Varela Rey e Woodhoo. «A idea é crear unha verdadeira comunidade científica europea na que os mozos investigadores aprendan a integrar coñecementos de distintas disciplinas e poidan moverse entre a investigación académica, a biotecnoloxía e a medicina traslacional».

Durante catro anos, a USC coordinará unha rede que conecta institucións de España, Portugal, Alemaña, Suíza, Países Baixos, Dinamarca, Suecia, Reino Unido e Polonia, reforzando o posicionamento do CiMUS e de Santiago de Compostela como nodo europeo na investigación sobre regulación xénica, ARN e enfermidade, e sentando as bases para trasladar o coñecemento sobre o splicing a novas oportunidades para a medicina de precisión. En conxunto, a USC recibirá arredor de 1,13 millóns de euros de financiamento europeo para desenvolver a súa participación en DECODES e coordinar a rede.

 

O CiMUS concentra catro proxectos de investigación

A USC terá un papel especialmente relevante en DECODES, xa que catro dos 15 proxectos de doutoramento se desenvolverán no CiMUS.

O grupo de Marta Varela Rey estudará como as alteracións do splicing e as proteínas de unión ao ARN contribúen á activación das células estelares hepáticas e ao desenvolvemento da fibrose hepática, co obxectivo de identificar novas estratexias terapéuticas.

Pola súa banda, Ashwin Woodhoo liderará dous proxectos centrados no sistema nervioso periférico: un analizará os mecanismos de regulación do splicing implicados nas enfermidades desmielinizantes e outro estudará o papel de novas proteínas reguladoras do ARN nos tumores malignos da vaíña dos nervios periféricos.

O cuarto proxecto, liderado por Mabel Loza, explorará novas estratexias farmacolóxicas para interferir coa maquinaria do splicing nestes tumores.

 

Sobre o CiMUS da USC

O CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela está dedicado á investigación de vangarda no ámbito das enfermidades crónicas. A súa misión é xerar coñecemento de alto impacto, conectado coa sociedade e ao servizo dos pacientes.

A súa actividade organízase en dous grandes programas: o de Mecanismos Moleculares das Enfermidades e o Integrativo Traslacional. Estes programas conectan o coñecemento fundamental coa translación clínica, cunha clara orientación cara á transferencia de tecnoloxía e á innovación terapéutica.

O CiMUS é un centro aberto e colaborativo que impulsa sinerxías con universidades, centros sanitarios, o sector empresarial e entidades de innovación, tanto a nivel rexional como no ámbito nacional e internacional. Conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia (ED431G/2023/02), que avala a calidade e o impacto da súa investigación, e está «subvencionado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional» e «cofinanciado pola Unión Europea» a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027. Ademais, foi acreditado recentemente a nivel nacional como Unidade de Excelencia María de Maeztu, outorgada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (axuda CEX2024-001463-M).