O CiMUS da USC ofrece seis contratos de perfil internacional no marco da súa prestixiosa convocatoria María de Maeztu
- Trátase de seis contratos formativos predoutorais, totalmente financiados, cunha duración de catro anos e aliñados cos Principios para a Formación Doutoral Innovadora establecidos pola Comisión Europea.
- O prazo para presentar solicitudes comeza hoxe e remata o vindeiro 19 de abril de 2026.

O CiMUS da USC abre o proceso de selección relativo ao seu programa formativo de persoal investigador predoutoral, enmarcado dentro do seu recoñecemento como Unidade de Excelencia María de Maeztu, acreditación recibida o pasado ano por parte do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, que recoñece o impacto científico, a capacidade de atracción de talento internacional e a transferencia clínica do centro compostelán.
Nesta convocatoria, o CiMUS da USC ofrece seis contratos internacionais, completamente financiados pola Axencia Estatal de Investigación, cunha duración de catro anos, destinados ao desenvolvemento integral da carreira investigadora nas súas primeiras etapas, incluíndo estadías internacionais e actividades formativas. O prazo para presentar solicitudes remata o vindeiro 19 de abril.
CiMUS, referente global en formación de excelencia
O Programa de Doutoramento Internacional do CiMUS ofrece unha formación estruturada e de alto nivel, aliñada cos Principios para a Formación Doutoral Innovadora da Comisión Europea. As persoas seleccionadas integraranse en grupos de investigación punteiros, con acceso a infraestruturas avanzadas e a un ecosistema que favorece a interacción entre investigación básica e translacional. O programa promove a colaboración interdisciplinar e a participación en iniciativas internacionais, fortalecendo tanto o desenvolvemento científico como a proxección profesional.
O programa ofrece un contrato de catro anos co seguinte salario bruto anual:
19.007,24 € o primeiro e segundo ano
20.364,96 € o terceiro ano
25.456,06 € o cuarto ano
Ademais, o programa proporciona 7.000 € para financiar estadías de investigación noutras institucións de I+D, así como a cobertura das taxas de matrícula do programa de doutoramento durante todo o período de catro anos.
Este programa inclúe tamén obradoiros e actividades de mentoría que fomentan o desenvolvemento persoal e profesional. O centro organiza periodicamente seminarios e reunións, impartidos por destacados expertos internacionais no ámbito biomédico, que permiten ás persoas participantes ampliar os seus coñecementos e a súa rede de contactos profesionais.
As persoas seleccionadas deben realizar unha estadía de investigación internacional de polo menos tres meses e participar en actividades de divulgación científica, como congresos e eventos especializados. Tamén deben presentar o seu traballo durante o Workshop anual do CiMUS.
Áreas e proxectos de investigación
Son nove os proxectos de investigación de doutoramento aos que poden optar as persoas candidatas:
- Deseño e caracterización de nanopartículas cargadas de ARNip/ARNm para o tratamento da fibrose hepática. Dirixido por Rubén Nogueiras Pozo e María José Alonso Fernández.
- Modificacións de ARN en elementos transponibles durante as transicións temperás do destino celular e o cancro. A cargo das persoas investigadoras principais Diana Guallar Artal e Miguel Fidalgo Pérez.
- Papel do SUMO extracelular na infección viral, a activación inmune e a progresión do cancro. Liderado por Carmen Rivas Vázquez e Iria Gómez Touriño.
- Regulación circadiana da resposta á radioterapia en gliomas adultos e pediátricos. Baixo a dirección de Olga Barca Mayo e Yolanda Prezado Alonso.
- Reprogramación parcial xenética e química da obesidade e da síndrome metabólica. Coa dirección de Manuel Collado Rodríguez e Sulay Tovar Carro.
- Papel do estróxeno na configuración dos circuítos neuromoduladores cerebrais. Dirixido por Alba Vieites Prado e Ismael González García.
- Vesículas extracelulares como mediadores da comunicación astrocito-neurona na enfermidade de Parkinson. Coa dirección de Ana Isabel Rodríguez Pérez e José Manuel Castro Tubío.
- Control periférico da homeostase dos órganos metabólicos. A cargo de Marta Varela Rey e Ashwin Woodhoo.
- Reprogramación inflamatoria da barreira hematoencefálica como factor temperán da caquexia asociada ao cancro. Coa dirección de Rosa Señarís Rodríguez e Dolores Viña Castelao.
Máis información en: https://cimus.usc.gal/gl/emprego/convocatoria-publica-ordinaria-cimus-052025-de-contratacion-de-investigadores-predoutorais
Sobre o CiMUS da USC
O CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela está dedicado á investigación de vangarda no ámbito das enfermidades crónicas. A súa misión é xerar coñecemento de alto impacto, conectado coa sociedade e ao servizo das persoas pacientes.
A súa actividade organízase en dous grandes programas: o de Mecanismos Moleculares das Enfermidades e o Integrativo Translacional. Estes programas conectan o coñecemento fundamental coa translación clínica, cunha clara orientación cara á transferencia de tecnoloxía e á innovación terapéutica.
O CiMUS é un centro aberto e colaborativo que impulsa sinerxías con universidades, centros sanitarios, o sector empresarial e entidades de innovación, tanto a nivel rexional como no ámbito nacional e internacional. Conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia (ED431G/2023/02), que avala a calidade e o impacto da súa investigación, e está subvencionado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027. Ademais, foi acreditado recentemente a nivel nacional como Unidade de Excelencia María de Maeztu, outorgada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (axuda CEX2024-001463-M).
