O CiMUS da USC pon o foco na alta prevalencia da enfermidade cardiovascular, principal causa de risco de morte no mundo, con motivo do Día Mundial do Corazón
- Cun relatorio impartido polo cardiólogo José Ramón González Juanatey, investigador principal do grupo Cardiovascular Area deste Centro, seguido dunha mesa redonda con investigadores CiMUS de toda a área de investigación cardiovascular do Centro para incidir na importancia da investigación neste campo e concienciar sobre a súa prevención, control e tratamento
- Terá lugar o luns 30, ás 13:00 horas, no Theatre Room do CiMUS
Con motivo do Día Mundial do Corazón, o CiMUS da USC organizará o próximo 30 de setembro unha conferencia para visibilizar e tomar conciencia da alta prevalencia da enfermidade cardiovascular de man do cardiólogo José Ramón González Juanatey, investigador principal do grupo Cardiovascular Area deste Centro. A iniciativa, coordinada desde este Centro Singular polo investigador principal Ricardo Villa Bellosta, busca incidir así na importancia da investigación neste campo e concienciar sobre a súa prevención, control e tratamento xa que a enfermidade cardiovascular é a día de hoxe a principal causa de mortalidade no mundo, representando un desafío crítico para os sistemas de saúde a nivel global.
A charla dará comezo ás 13:00 horas, precedida por unha breve introdución da dirección do Centro de man de Mabel Loza e José Luis Labandeira. Concluída o relatorio, celebrarase unha mesa redonda con investigadores CiMUS de toda a área de investigación cardiovascular do Centro para pór en común os principais avances neste campo tan necesarios tendo en conta que cada ano millóns de persoas perden a vida debido a complicacións derivadas da enfermidade cardiovascular, unha cifra que inclúe tanto as enfermidades cardíacas como as cerebrovasculares e que reflicte a magnitude do impacto destas patoloxías na saúde pública mundial. Os integrantes da mesa serán, a parte do propio José Ramón González Juanatey, Ricardo Villa Bellosta, Juan Zalvide e Ángel García, especialistas de referencia no campo da calcificación vascular, en cavernomas cerebrais (ambos os dous coordinadores tamén de proxectos no programa Sumo Valor da USC) e en proteómica de plaquetas, respectivamente.
Principais factores de risco
A enfermidade cardiovascular pode ser provocada por unha gran variedade de factores de risco. Entre os máis comúns atópanse o tabaquismo, a diabetes, a hipertensión arterial e a obesidade. O estilo de vida sedentario e unha dieta pouco saudable xogan tamén un papel fundamental no aumento do risco cardiovascular.
Con todo, non só estes factores clásicos contribúen á aparición de enfermidades cardiovasculares. A contaminación do aire, especialmente en áreas urbanas densamente poboadas, asociouse tamén cun maior risco de desenvolver problemas cardíacos. Así mesmo, existen enfermidades menos comúns que poden afectar o corazón, como a enfermidade de Chagas, endémica nalgunhas rexións de América Latina, ou a amiloidosis cardíaca, unha patoloxía rara que provoca o depósito anormal de proteínas no tecido cardíaco, afectando a súa función.
Estratexias de prevención e tratamento, tanto individuais como comunitarias
"Co envellecemento da poboación mundial e a crecente prevalencia de factores de risco como a obesidade e a diabetes, as proxeccións son preocupantes. Estímase que, para o ano 2030, o número de mortes anuais debido á enfermidade cardiovascular podería aumentar, mesmo duplicarse. Este incremento suxire a urxencia de implementar estratexias de prevención e tratamento máis eficaces, tanto a nivel individual como comunitario", explica o IP do CiMUS, Ricardo Villa Bellosta.
Villa destaca tamén que a enfermidade cardiovascular é unha ameaza de saúde global que non discrimina entre países desenvolvidos ou en vías de desenvolvemento. "Para facer fronte a este desafío, é esencial promover cambios nos hábitos de vida, mellorar o acceso a servizos de saúde de calidade e continuar investigando en áreas como a prevención, o diagnóstico temperán e o tratamento das diversas formas de enfermidade cardiovascular. Só mediante un esforzo conxunto a nivel global será posible reducir a carga desta enfermidade devastadora nas próximas décadas", comenta.