Ir o contido principal
Institucional

O CiMUS da USC porá o foco da investigación na proxeria o Día Mundial das Enfermidades Raras

  • Organizando un encontro con motivo desta efeméride con dous referentes mundiais neste campo: o Dr. Scott D. Berns e a Dra. Leslie B. Gordon, fundadores de Progeria Research Foundation (USA)
  • Tamén está prevista a participación de Esther Martínez Gracia, cofundadora da Asociación Progeria en España e nai de Alexandra, a única nena con esta enfermidade no noso país
  • Terá lugar o vindeiro 28 de febreiro, ás 11:00 horas, nas instalacións do CiMUS
     

A proxeria centrará o Día Mundial das Enfermidades Raras no CiMUS da USC. Este Centro Singular quere achegar á sociedade esta enfermidade pouco común que afecta a nenos e nenas en todo o mundo acelerando o seu envellecemento de maneira prematura, para concienciar sobre a importancia da investigación parar mellorar a calidade de vida de quenes padecen enfermidades raras.

Para iso organizará un encontro que reunirá a referentes neste campo a nivel mundial na loita contra a proxeria, contando coa participación do Dr. Scott D. Berns  e a Dra. Leslie B. Gordon, co-fundadores da Progeria Research Foundation (USA), organización pioneira na investigación e desenvolvemento de tratamentos para a proxeria a nivel internacional, e coa participación de Esther Martínez Gracia, cofundadora da Asociación Progeria en España, cuxa labor foi clave no apoio ás familias e na visibilidade da proxeria en España.

"Os seus testemuños e dedicación permitirán pór en valor a importancia da investigación, a solidariedade e o compromiso na loita contra as enfermidades raras. Este evento non é só unha xornada de divulgación científica, senón tamén un encontro de inspiración e esperanza. Queremos dar voz a quenes conviven coa proxeria e reforzar o compromiso da comunidade científica e da sociedade na procura de solucións", declara o investigador principal do CiMUS, organizador e moderador do acto, Ricardo Vila Bellosta.

Agradeceriamos que nos confirmasen a súa participación a través da seguinte ligazón: 

https://forms.office.com/e/6u0vhY4H6y

Desta maneira, poderemos axustar o espazo segundo o número de asistentes.

Esquerda: Dr. Leslie B. Gordon, Dr. Scott D. Berns e Sam Berns. Foto cortesía de Progeria Research Foundation. Dereita: Esther Martínez Gracia, Cédric Emmanuel Peraut e Alexandra. Foto cortesía de Asociación Progeria Alexandra Peraut.