Ir o contido principal
Científica

O CiMUS da USC recoñecido pola Real Academia Galega de Ciencias

  • Unha das mencións honoríficas dos Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2023 correspondeulle ao equipo coordinado por María Jesús González

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou onte o acto de entrega dos Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2023. Unha das dúas mencións honoríficas foi para para o equipo de María Jesús González, do CiMUS da USC, por un traballo que afonda no control do metabolismo da glicosa. O grupo do centro singular compartíu mención co equipo de Marcos Ortega da Universidade da Coruña (UDC), polo uso de intelixencia artificial para a mellora de imaxes médicas. O primeiro premio desta edición recaeu no grupo da investigadora Soledad Muniategui, tamén da UDC, por un método para a identificación de microplásticos.

 

Importantes avances en diabetes

O traballo coordinado por María Jesús González estuda o control do metabolismo da glicosa. O mantemento dos niveis de glicosa en sangue é esencial para o correcto funcionamento do organismo, de xeito que as alteracións no seu mantemento e regulación atópanse na raíz do desenvolvemento de importantes enfermidades como a diabetes, que afecta a máis de 5 millóns de persoas en España. Nesta liña, logaron avances significativos no control dunha proteína fundamental neste proceso, a PCK1, o que representa un paso importante no deseño de novas terapias para o tratamento da diabetes. Os resultados deste traballo publicáronse na revista científica Cell Metabolism, líder no campo de endocrinoloxía, metabolismo e bioloxía celular; que ademais elixiu este traballo como un dos 10 máis importantes publicados en 2023 sobre diabetes e metabolismo da glicosa.