Ir o contido principal
Divulgación

O CiMUS, en marcha contra o cancro

Santiago de Compostela púxose en marcha contra o cancro esta pasada fin de semana de man da Asociación Española contra o Cancro (AECC), mobilizando a máis de 800 persoas que camiñaron para concienciar sobre a importancia da investigación para avanzar no tratamento desta enfermidade.

O CiMUS da USC non quixo faltar a esta cita, sumándose ademais da Andaina, á feira divulgativa "Ciencia para todos" que tivo lugar no marco desta iniciativa con talleres divulgativos para achegar a ciencia a maiores e pequenos, ensinando a extraer ADN das froitas; a aprender do xenoma materno a través do ADN mitocondrial; os efectos do sol, o tabaco ou a dieta na prevención do cancro ou a achegar as técnicas coas que se estuda o cancro.

O grupo Genomics & Bioinformatics deste Centro Singular da USC foi encargado de impartir o taller sobre extracción do ADN de froitas para dar a coñecer como se extrae o material que contén información xenética/hereditaria en froita.

O segundo taller correu a cargo do grupo de Mobile Genomes, que dividiu o seu taller en tres partes dedicadas á prevención do cancro: os efectos do sol a longo prazo na pel e a importancia da protección solar, os efectos do tabaquismo nos pulmóns e a importancia dunha boa alimentación a través da pirámide alimentaria.

O terceiro taller científico centrouse en ADN mitocondrial para ensinar como se pode aprender do xenoma materno a través do grupo MitoPhenomics Lab. No último taller abordáronse diferentes técnicas a través das cales se estuda o cancro na que investigadores de varios grupos do centro (Cancer & Virus lab, Gene Regulatory Control in Disease e Molecular Imaging Biomarkers and Pharmacokinetic Modelling) explicaron as súas liñas e diferentes métodos utilizados.

Todos os grupos de investigación do CiMUS participantes nesta xornada son beneficiarios de financiamento da AECC, xa sexa con proxectos semente ou AECC lab, bolsas de prácticas de laboratorio e contratos predoctorales AECC. A investigación que realizan sería imposible sen a axuda da AECC. Grazas por contar connosco un ano máis.