Ir o contido principal
Científica

O CiMUS, papel activo en OneHealth DataSpace, o espazo de datos multisectorial impulsado polo Cesga

  • Participa a través do grupo GeneControl, encargado de realizar unha análise xenómica integral de tumores malignos do tecido conxuntivo que rodea os nervios.
  • A plataforma favorece a cooperación entre organizacións dos ámbitos da saúde humana, animal e ambiental para transformar datos en coñecemento útil grazas ás novas tecnoloxías.
  • A iniciativa, que xa acolle 43 investigacións, supón un paso firme para o arranque da primeira factoría europea de intelixencia artificial en España.

O director adxunto do CiMUS da USC, José Luis Labandeira, participou onte na presentación do OneHealth DataSpace, o espazo de datos multisectorial impulsado polo Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) para favorecer a colaboración entre organizacións dos ámbitos da saúde humana, animal e ambiental.

O CiMUS forma parte deste proxecto, que conta xa con 36 entidades adheridas, a través do grupo GeneControl, encargado de realizar unha análise xenómica integral dos datos do consorcio GeM correspondentes a tumores malignos da vaíña do nervio periférico, o tecido conxuntivo que rodea os nervios.

 

 

Transformar datos en coñecemento útil

Este espazo de datos conta xa con 43 investigacións activas, consolidándose como unha contorna de cooperación para transformar os datos en coñecemento útil mediante tecnoloxías de compartición segura, intelixencia artificial, análise avanzada e computación de altas prestacións.

OneHealth DataSpace constitúe, ademais, segundo a directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, Carmen Cotelo, «o punto de partida da futura factoría europea de IA en España, denominada 1HealthAI, para desenvolver aplicacións de intelixencia artificial no ámbito da saúde».

Iniciativas como esta, destacou tamén, «contribúen a situar Galicia na vangarda da aplicación de tecnoloxías avanzadas, como a intelixencia artificial e a computación de altas prestacións, a sectores de grande impacto económico e social como o sanitario».

O proxecto está financiado pola Empresa Común Europea de Computación de Altas Prestacións (EuroHPC JU), o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Xunta de Galicia, e aspira a converterse nunha peza clave do futuro ecosistema europeo de IA aplicada á saúde.