O CiMUS participa nun intercambio de experiencias en San Sebastián para impulsar a cooperación científica co País Vasco
O CiMUS da USC representado polos seus directores, Mabel Loza e José Luis Labandeira, participou esta semana nos encontros levados a cabo no marco dun intercambio de experiencias e aproveitamento de sinerxías entre os centros de investigación punteiros galegos e vascos. Este Centro Singular foi parte da delegación galega integrada polo secretario xeral de Universidades, vicerreitores de investigación das tres universidades públicas galegas xunto aos dez centros que integran a Rede CIGUS da Xunta.
Galicia e País Vasco comparten o reto da atracción e retención de talento científico como unha das claves de futuro dos sistemas de investigación de ambas as dúas comunidades autónomas, así como a posibilidade de abrir liñas de cooperación entre ambos os dous modelos. Estes encontros permitiron abrir reflexións conxuntas para implementar accións que supoñan un mellor aproveitamento do noso potencial científico.