Ir o contido principal
Científica Institucional

O CiMUS presenta en SOMMa Connect a unidade mixta USC-SunRock para acelerar novas terapias biolóxicas en oncoloxía e inflamación

· O Centro de Regulación Xenómica de Barcelona acolleu este encontro, que conecta a innovación desenvolvida nos centros de excelencia Severo Ochoa e unidades María de Maeztu con empresas, investidores e o ecosistema de innovación

· A directora do Centro da USC, Mabel Loza, e o CEO da compañía SunRock Biopharma, Juan Buela, participaron nunha mesa de debate sobre casos de éxito de alianzas público-privadas

· Tamén se presentaron novas estratexias terapéuticas baseadas no ARN e para o carcinoma, da man de María José Alonso e Clara Álvarez, respectivamente

Trasladar os resultados dos achados científicos á innovación e á práctica clínica de maneira rápida, segura e eficiente é o obxectivo da Unidade Mixta entre a USC e a compañía biotecnolóxica SunRock Biopharma, que traballa no desenvolvemento de novas aproximacións terapéuticas en oncoloxía e inflamación. Trátase dun caso de éxito de alianzas público-privadas impulsado desde o CiMUS da USC, do que falaron no SOMMa Connect 2026, que vén de celebrarse en Barcelona. A directora do Centro, Mabel Loza, e o CEO de SunRock, Juan Buela, expuxeron as claves desta iniciativa nunha mesa redonda no marco deste encontro de referencia en España entre axentes da investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento. Á cita asistiron tamén, en representación do CiMUS da USC, a responsable de Xestión Estratéxica e Innovación, Andrea Pensado, e o responsable de Proxectos Internacionais, Xavier Codony.

Escaparate de innovación xurdida da investigación de excelencia

Durante dúas xornadas, responsables científicos, empresas, investidores, emprendedores e representantes de institucións públicas reuníronse para coñecer de primeira man algunhas das tecnoloxías e proxectos con maior potencial xurdidos da investigación de excelencia que se desenvolve en España, así como para explorar novas oportunidades de colaboración, investimento e transferencia de coñecemento.

A dimensión da comunidade representada por SOMMa mostra o potencial do encontro. Segundo os últimos datos agregados dispoñibles, correspondentes a 2025, os centros e unidades de SOMMa reúnen máis de 18.000 investigadores e investigadoras e xeraron case 15.000 publicacións científicas en revistas internacionais revisadas por pares. Ademais, os seus investigadores contaban con 313 proxectos do European Research Council.

Un dos eixes centrais de SOMMa Connect 2026 foi mostrar o potencial innovador e de transferencia dos centros e unidades que forman parte de SOMMa. O programa permitiu descubrir proxectos e tecnoloxías desenvolvidos en institucións acreditadas cos distintivos de excelencia Severo Ochoa e María de Maeztu e explorar o seu potencial para dar lugar a novas colaboracións con empresas, acordos de transferencia, investimento ou novas iniciativas empresariais.

Neste contexto, a participación do CiMUS incluíu tamén a presentación de dous proxectos estratéxicos apoiados polo programa Ignicia nas sesións de Investment Pitch da primeira xornada. Na sesión HealthTech, a investigadora Clara Álvarez presentou PIAS2b-siRNA: Gene silencing for anaplastic and undifferentiated carcinomas, unha proposta centrada no desenvolvemento de novas estratexias terapéuticas baseadas no silenciamento xénico para carcinomas anaplásicos e indiferenciados. Pola súa banda, na sesión DeepTech & Advanced Engineering, a investigadora Lucía Sanjurjo deu a coñecer NANO-RNA: A non-viral platform for primary cell transfection and RNA-based therapies, unha innovadora plataforma non viral orientada á transfección de células primarias e ao desenvolvemento de terapias baseadas no ARN.

Os indicadores de transferencia da alianza reflicten a capacidade desta investigación para xerar valor máis aló do ámbito académico. En 2025, os membros de SOMMa presentaron 246 solicitudes prioritarias de patente, mantiñan 113 spin-offs activas e formalizaron 301 licenzas vinculadas a dereitos de propiedade intelectual. Ese mesmo ano iniciaron colaboracións con empresas e fundacións por valor de 140 millóns de euros.

Sobre SOMMa

SOMMa é a Alianza que reúne os centros de excelencia Severo Ochoa e as unidades de excelencia María de Maeztu acreditados en España. A súa misión é contribuír a fortalecer e visibilizar internacionalmente unha comunidade científica de referencia, promovendo unha investigación de fronteira, interdisciplinaria e de alto impacto. SOMMa impulsa ademais a colaboración entre os seus centros e con outros axentes do ecosistema do coñecemento e da innovación, favorecendo a transferencia de resultados, a interacción co tecido produtivo e a xeración de impacto científico, económico e social. A través das súas actividades e grupos de traballo, a Alianza promove tamén o intercambio de boas prácticas e o desenvolvemento de iniciativas comúns que contribúan a reforzar a excelencia e a capacidade transformadora da investigación española.