O CiMUS recibe aos conselleiros de Ciencia e Universidades de Galicia e Cataluña nunha xornada para impulsar a colaboración en I+D+i

O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) recibiu hoxe a visita do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, e da conselleira de Recerca i Universitats da Generalitat de Cataluña, Núria Montserrat.
O encontro enmárcase nunha xornada de traballo conxunta entre Galicia e Cataluña centrada no eido da investigación, o desenvolvemento e a innovación (I+D+i), co obxectivo de intercambiar estratexias, compartir boas prácticas en políticas públicas e explorar posibles liñas de colaboración tanto a nivel institucional como científico.
Como parte do programa, os representantes visitaron varios centros de referencia do ecosistema galego de I+D+i, entre eles os dous centros de investigación da Rede CIGUS recoñecidos co prestixioso selo María de Maeztu: o CiMUS e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). Tamén coñeceron de preto o traballo do centro de investigación empresarial Mestrelab.

No CiMUS, foron recibidos pola súa directora científica, Mabel Loza, e o subdirector, José Luis Labandeira, quen presentaron os principais proxectos do centro no ámbito da medicina molecular e das enfermidades crónicas, así como as capacidades científicas e tecnolóxicas de Galicia no sector biomédico.
Á visita tamén asistiron o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo.
Sobre o CiMUS da USC
O CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela está dedicado á investigación de vangarda no ámbito das enfermidades crónicas. A súa misión é xerar coñecemento de alto impacto, conectado coa sociedade e ao servizo dos pacientes.
A súa actividade organízase en dous grandes programas: o de Mecanismos Moleculares das Enfermidades e o Integrativo Traslacional. Estes programas conectan o coñecemento fundamental coa translación clínica, cunha clara orientación cara á transferencia de tecnoloxía e a innovación terapéutica.
O CiMUS é un centro aberto e colaborativo que impulsa sinerxías con universidades, centros sanitarios, o sector empresarial e entidades de innovación, tanto a nivel rexional como no ámbito nacional e internacional. Conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia (ED431G/2023/02), que avala a calidade e o impacto da súa investigación, e está «subvencionado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional » e «cofinanciado pola Unión Europea».
