O CiMUS recibe seis das axudas á investigación de AECC Coruña
Na xornada de onte a Asociación Española Contra o Cancro na Provincia da Coruña fixo entrega das Axudas á Investigación ás que destina máis de medio millón de euros para apoiar a investigación en cancro. Entregounas no marco da Xornada "Avances e retos na investigación en cancro" que tivo lugar na Fundación Barrié, resultando beneficiarios por parte do CiMUS seis dos seus investigadores.
Despois dun esixente proceso de concorrencia competitiva, as Axudas Predoctorais dirixidas a promover a formación de investigadores mediante a realización dunha tese doutoral sobre cancro recaeron, por parte deste Centro Singular da USC, en Adrián Aparicio, Emma Ramos e Alberto Jesús Tinahones. No que respecta ás Axudas do Programa de Prácticas en Laboratorio foron outorgadas a Sergio Maestro, Martín Rodríguez e Sofía Silva, no CiMUS.
Tal e como se recolle no l informe Radiografía sobre o estado da investigación en cancro en Galicia que presentou recentemente AECC, o CiMUS é o principal centro de investigación en Galicia en atracción de financiamento competitivo en cancro, obtendo nos tres anos analizados 51 proxectos.