O CiMUS recibe tres das axudas á investigación de AECC Coruña
Na xornada do sábado 29 de novembro, a Asociación Española Contra o Cancro na Provincia da Coruña fixo entrega das Axudas á Investigación ás que destinou máis de 1,3 millóns de euros para apoiar a investigación en cancro, resultando beneficiarios por parte do CiMUS da USC tres dos seus investigadores: Ashwin Woodhoo, Pablo Aguiar e Lucía Sanjurjo.

Ashwin Woodhoo, xefe de grupo sénior neste Centro Singular, recibiu a Axuda Proxectos Xerais AECC 2025, dotada con 400.000 euros para catro anos. O seu proxecto investiga tumores malignos da vaíña nerviosa periférica, un tipo raro de cancro moi agresivo que se desenvolve nos nervios e que pode afectar tanto a adultos como a nenos. O seu equipo identificou varias proteínas reguladoras como un posible “interruptor” que empurra as células nerviosas normais a transformarse en tumorais. Agardan que comprender como funcionan estas proteínas permita abrir novas vías para atacar o tumor. Os encargados de facer entrega do diploma a este investigador foron os integrantes das Xuntas Locais da Pobra do Caramiñal, Vilarmaior e Ribeira.

O adxudicatario da Axuda Proxectos Estratéxicos AECC 2025 —140.703 euros para tres anos— foi Pablo Aguiar, investigador principal do grupo Molecular Imaging Biomarkers and Theragnosis Lab. O seu proxecto, AI.PET-PT: combinando imaxe molecular e intelixencia artificial para personalizar a protonterapia, pretende crear xemelgos dixitais de pacientes reais para simular o comportamento biolóxico do tumor. Estas réplicas virtuais xerarán a información molecular necesaria para deseñar plans de protonterapia adaptados a cada paciente, nos que se teñen en conta, ademais da anatomía, a actividade metabólica e a bioloxía do tumor. Isto favorecerá unha protonterapia máis precisa e con menos efectos secundarios. Pablo Aguiar recibiu o diploma da Axuda das mans dos representantes das Xuntas Locais de Miño e Cabana de Bergantiños.
Lucía Sanjurjo, investigadora do CiMUS e tamén do IDIS, recibiu a segunda Axuda Sinerxías AECC 2025. O seu proxecto, NANO-BIT, busca empregar a nanotecnoloxía para desenvolver nanocápsulas que introduzan anticorpos directamente no interior das células tumorais. O estudo céntrase en casos de linfoma difuso de células B grandes —o tipo máis común de linfoma agresivo—, onde procuran alcanzar a proteína BCL6, que desempeña un papel fundamental na supervivencia do tumor. Sanjurjo recibiu o diploma da Axuda das mans das Xuntas Locais de Ordes, Carballo e Cee.
