Ir o contido principal
Transferencia

O CiMUS recibe a visita da Rede de Políticas de I+D+I

  • O CiMUS recibe a visita da Rede de Políticas de I+D+I (RED IDI)

O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela recibiu a visita da Rede de Políticas de I+D+i. Durante a mañá, os asistentes á sesión plenaria da Rede de Políticas de I+D+I, reunidos na Cidade da Cultura de Galicia nun encontro organizado en colaboración coa Axencia Galega de Innovación, visitaron o CiMUS e o IGFAE da USC (acreditados a nivel rexional como parte da Rede CIGUS da Xunta de Galicia e a nivel nacional, como Unidade de Excelencia María de Maeztu). . 

Esta REDE IDI actúa como nexo entre as comunidades autónomas e a Administración Xeral do Estado para favorecer a mobilización de recursos e o acceso a financiamento europeo no ámbito da investigación, o desenvolvemento e a innovación. Así mesmo, está cofinanciada polo fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), do que tamén procede o financiamento da rede de centros CIGUS da Xunta de Galicia, á que pertence o CiMUS.

A delegación estivo integrada por representantes de entidades como a Axencia Estatal de Investigación (AEI), o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI), os Ministerios de Ciencia e Innovación e de Facenda, así como por membros de axencias de investigación e gobernos autonómicos, entre outras organizacións.

A visita estivo guiada polo director adxunto do CiMUS, José Luis Labandeira, e polo persoal investigador e técnico do centro, quen presentou os principais programas de investigación en biomedicina molecular e enfermidades crónicas, así como as capacidades tecnolóxicas e servizos científicos do centro. Durante o percorrido, visitáronse os laboratorios da Plataforma Innopharma, pertencente a EU-OPENSCREEN ERIC, un dos laboratorios de referencia, e a quimioteca, mostrando infraestruturas crave para o descubrimento de fármacos e o desenvolvemento de novas terapias. Neste contexto, destacouse o enfoque traslacional da investigación desenvolvida no CiMUS.

Ao longo da xornada, tamén se abordou o papel do CiMUS na captación de talento, a colaboración co sistema sanitario e a transferencia de coñecemento ao tecido socioeconómico, consolidándose como un dos centros de referencia en investigación biomédica en Galicia. A visita permitiu aos membros da Rede IDI coñecer de primeira man as infraestruturas e o impacto científico do centro, reforzando sinerxías entre as distintas administracións e axentes do sistema de I+D+i.