Ir o contido principal
Divulgación

O CiMUS súmase ás charlas científicas do Festival Pint Of Science 2023

  • No evento, que se celebrará entre os días 22 e 24 de maio, daranse cita numerosos investigadores especializados en diferentes ámbitos da ciencia
  • “Desenvolvemento dos fármacos: unha viaxe no tempo”, “Pódese rexenerar o cerebro?” e “A vida é soño: por que durmimos?" son os tres temas de bar que ofrece o CiMUS nesta cita
  • O obxectivo destas charlas será compartir coñecementos e curiosidades científicas nun ambiente relaxado e distendido
 

Un ano máis, o CiMUS da USC formará parte do programa de Pint Of Science 2023, un evento que convida os investigadores máis punteiros a compartir os seus coñecementos no ambiente relaxado e distendido que ofrecen os bares. Nesta edición, celebrada os días 22, 23 e 24 de maio, será o Bar Cafetería Alborada de Veiga o encargado de albergar en Santiago de Compostela estas charlas científicas de temáticas tan variadas como a neurociencia, a tecnoloxía ou a astronomía.

Viaxe temporal do desenvolvemento de fármacos, rexeneración cerebral e incógnitas sobre o soño

Serán tres os investigadores do CiMUS que expoñerán os seus coñecementos neste festival. O luns día 22 Antón Leandro Martínez Rodríguez, do grupo de Investigación BioFarma, será o encargado de abrir o programa coa súa charla “Desenvolvo de fármacos: unha viaxe no tempo”. O martes 23 expoñerá os seus coñecementos Jannette Rodríguez Pallares, do grupo de Neurobiología Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson, que responderá á pregunta “Pódese rexenerar o cerebro?”. Ese mesmo día, Olga Barca Maio, do grupo GliaTime, explicará “A vida é soño: por que durmimos?”.

Un evento de alcance global

O Festival Pint Of Science celébrase en 26 países de todo o mundo de forma simultánea. En España serán 54 as cidades que albergarán estas charlas organizadas desde a Asociación de Divulgación Científica “Pint of Science España”, creada co propósito de organizar o festival.