Ir o contido principal
Científica Transferencia

O CiMUS súmase á exposición "A investigación do cancro. Un desafío milenario" de AECC

A Asociación Española Contra o Cancro (AECC) acaba de presentar a súa exposición "A investigación do cancro. Un desafío milenario", coa colaboración do CiMUS da USC. O acto de inauguración contou coa participación da investigadora principal do grupo MitoPhenomics Lab deste Centro e beneficiaria dunha axuda de AECC para desenvolver un proxecto semente, Aurora Gómez.

Nunha conferencia titulada "É o cancro unha enfermidade de hoxe?", explicou que temos coñecemento da enfermidade desde a época dos dinosauros. "Sabémolo grazas ao estudo dos ósos. Agora podemos combatela grazas á inmunoterapia ou tratamentos específicos a partir do estudo do xenoma humano, pero aínda queda moito por facer e co financiamento de proxectos de investigación como os que fomenta a Asociación Española Contra o Cancro A Coruña podemos avanzar".

 

Ata o próximo 18 de novembro 

A exposición aborda os principais fitos da evolución da investigación en cancro ao longo dos séculos e os avances científicos que influíron na supervivencia da enfermidade, pero tamén afonda no futuro do cancro e expón os esforzos que realizan os científicos e a Asociación para aumentar as taxas de supervivencia en cancro e a calidade de vida dos pacientes.

Poderá visitarse ata o próximo 18 de novembro na sala Ámbito Cultural do Corte Inglés de Santiago de Compostela en horario de luns a sábado desde as 10:00 ata as 22:00 horas.