Ir o contido principal
Científica

O consorcio europeo para desenvolver vacinas nasais NOSEVAC fai balance e márcase retos

  • Os grupos do CiMUS da USC liderados por Noémi Csaba e María José Alonso, promotores do consorcio, reúnen no centro de investigación a preto de 50 expertos para trazar a súa folla de ruta ata o 2028
  • O proxecto propón innovadores enfoques para evitar infeccións respiratorias de alta prevalencia e combater estas enfermidades de maneira temperá
  • O consorcio conta coa colaboración de equipos singulares de seis países da Unión Europa, Reino Unido e Suíza 
     

As infeccións respiratorias bacterianas e virais contribúen significativamente á morbilidade e mortalidade global. Patóxenos causantes de enfermidades como a tosferina, a pneumonía, a gripe ou a COVID-19 teñen importantes implicacións para a saúde pública. Para combater esta problemática desde etapas temperás da infección traballa desde o pasado ano o consorcio europeo NOSEVAC, no que participa de maneira activa o CiMUS da USC a través dos grupos que dirixen Noémi Csaba e María José Alonso.

Os próximos 23 e 24 de abril reúnese no CiMUS para compartir avances e abrir estratexias e novos retos. Medio centenar de especialistas porán en común diferentes aspectos relacionados, tales como: cuestións éticas e psicolóxicas da vacinación nasal, como prepararnos para unha pandemia, avaliación preclínica de modelos animais, formulación de nano-vacinas (e a experiencia da USC neste campo), inmunidade das vías respiratorias mediante vacinas ou modelado matemático de bioprocesos implicados nesta área.

Ata o 2028 o consorcio traballará para crear vacinas nasais combinadas, dirixidas ás infeccións respiratorias máis agresivas por bacterias, ademais de desenvolver vacinas nasais bivalentes para previr a COVID-19 e a gripe. "Ata o momento, as vacinas dispoñibles contra estas enfermidades adminístranse por inxección intramuscular ou subcutánea e non preveñen eficazmente a colonización do trato respiratorio superior", explica a investigadora do CiMUS da USC, Noémi Csaba. En consecuencia, o seu impacto na transmisión de patóxenos é limitado.

 

 

 

Previr a enfermidade desde a orixe

O consorcio NOSEVAC, coordinado pola Iniciativa Europea de Vacinas (EVI), traballa no deseño e avaliación de plataformas de vacinas nasais como un enfoque innovador para previr a etapa máis temperá de infección, inhibindo así a colonización, transmisión e enfermidade do tracto respiratorio superior. O proxecto baséase nun equipo colaborativo formado por 12 socios e composto por grupos singulares de investigación de entidades públicas privadas e empresas biotecnolóxicas da Unión Europea, Reino Unido e Suíza.

O proxecto contempla o desenvolvemento das seguintes candidatas a novas vacinas nasais
* Desenvolver formulacións de vacinas para a administración nasal de antíxenos baseados en ARN e proteínas
* Descubrir antíxenos bacterianos que favorecen a colonización do epitelio respiratorio
* Identificar os factores inmunitarios do hóspede humano para xerar protección a longo prazo contra as bacterias ou virus
* Abordar a aceptabilidade da vacinación nasal na poboación xeral

 

Influír nas decisións políticas

NOSEVAC, que conta cun financiamento de algo máis de 11 millóns de euros (case sete deles da UE), prevé establecer vías estratéxicas de investigación para combater os patóxenos respiratorios, que abranguen aqueles con potencial para grandes brotes. "Ademais, conclúe a investigadora do CiMUS da USC, a organización servirá como catalizador para a toma de decisións baseada en evidencia científica, tanto para a abordaxe de medidas políticas como para grupos investidores que poidan financiar os custos destas novas estratexias terapéuticas".

 

Máis información en: https://www.nosevac-project.eu/