O exceso de frutosa pode debilitar as defensas naturais das arterias fronte á calcificación
- Unha investigación do CiMUS da USC identifica como unha exposición prolongada á frutosa altera a produción de enerxía no fígado e favorece un ambiente vascular máis propenso a acumular calcio.
- A exposición analizada achégase máis a un consumo elevado e frecuente de frutosa libre, como a presente en bebidas azucradas e nalgúns produtos ultraprocesados.

As arterias contan con mecanismos naturais que evitan que o calcio se deposite nas súas paredes. Unha nova investigación publicada na revista científica Molecular Medicine sinala que o consumo elevado e continuado de frutosa pode alterar unha desas defensas. O estudo foi realizado no grupo Homeostase Metabólica e Calcificación Vascular do CiMUS da USC e do IDIS, dirixido polo investigador principal, Dr. Ricardo Villa Bellosta.
O proceso comeza no fígado, un dos principais órganos encargados de metabolizar a frutosa. Cando está exposto de forma prolongada a cantidades elevadas deste azucre, as súas mitocondrias —as estruturas que producen a enerxía que necesitan as células— comezan a funcionar peor.
Como consecuencia, diminúe a produción de ATP, unha molécula que adoita describirse como a moeda enerxética do organismo. Pero o ATP non só achega enerxía. Tamén permite fabricar pirofosfato, unha molécula que circula polo sangue e axuda a impedir que o calcio e o fosfato formen cristais na parede dos vasos sanguíneos. O estudo mostra que unha exposición prolongada á frutosa reduce os niveis de ATP e de pirofosfato. Os investigadores comprobaron, ademais, que nestas condicións o tecido vascular se calcificaba con maior facilidade no laboratorio.
«O traballo non demostra que o consumo de froita provoque calcificación arterial. A froita enteira contén fibra, auga e vitaminas, e posúe unha estrutura que fai que os seus azucres se absorban de forma máis gradual. A exposición estudada achégase máis a unha inxesta elevada e frecuente de frutosa libre, como a que pode producirse con bebidas azucradas e determinados produtos ultraprocesados», recalca o Dr. Villa-Bellosta.
Ata agora, os efectos cardiovasculares asociados ao exceso de frutosa relacionábanse principalmente coa resistencia á insulina, a inflamación, o ácido úrico e o estrés oxidativo. Os novos resultados engaden outra peza: a perda de substancias que protexen directamente as arterias fronte á acumulación de minerais.
O estudo contou con financiamento de diferentes organismos e institucións, entre eles a Axencia Estatal de Investigación, a Xunta de Galicia e a Sociedade Española de Nefroloxía.
Referencia científica
https://link.springer.com/article/10.1186/s10020-026-01597-z
Sobre o CiMUS da USC
O CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela está dedicado á investigación de vangarda no ámbito das enfermidades crónicas. A súa misión é xerar coñecemento de alto impacto, conectado coa sociedade e ao servizo dos pacientes. A súa actividade organízase en dous grandes programas: o de Mecanismos Moleculares das Enfermidades e o Integrativo Traslacional. Estes programas conectan o coñecemento fundamental coa translación clínica, cunha clara orientación cara á transferencia de tecnoloxía e á innovación terapéutica.
O CiMUS é un centro aberto e colaborativo que impulsa sinerxías con universidades, centros sanitarios, o sector empresarial e entidades de innovación, tanto a nivel rexional como no ámbito nacional e internacional. Conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia (ED431G/2023/02), que avala a calidade e o impacto da súa investigación, e está subvencionado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027. Ademais, foi acreditado recentemente a nivel nacional como Unidade de Excelencia María de Maeztu, outorgada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (axuda CEX2024-001463-M).
