Ir o contido principal
Científica

O grupo do CiMUS da USC que dirixe Iria Gómez-Touriño recibe 100.000 € para investigar a diabetes tipo 1

  • Recibe os fondos da Fundación DiabetesCERO e centrará o seu traballo no desenvolvemento de novas inmunoterapias de pequenas moléculas modificadoras desta enfermidade
  • DiabetesCERO impulsa axudas estratéxicas para situar España á vangarda da cura da diabetes tipo 1 e impulsar os ensaios no noso país

A Fundación DiabetesCERO acaba de celebrar o I Encontro Ciencia e Empresas: Xuntos pola Cura. O evento reuniu a todos os implicados na investigación dunha cura para a diabetes tipo 1: investigadores, líderes empresariais e representantes sociais, políticos e familias. O reto é común: acelerar a investigación cara a cura desta enfermidade autoinmune. Durante a xornada, a Fundación mobilizou 300.000 euros en axudas e bolsas de investigación para impulsar catro proxectos estratéxicos. A través desta alianza entre o tecido empresarial e a comunidade científica, búscase acelerar a chegada dunha cura para as máis de 190.000 persoas que conviven con esta patoloxía no noso país. Este feito supón un paso adiante nun contexto no que España lidera a investigación clínica mundial, pero presenta un preocupante déficit en ensaios específicos para a diabetes tipo 1 —con só 4 estudos activos fronte aos 40 do resto de Europa en 2025—.

 

Dúas axudas de 100.000 €: Frontiers in T1D Cure 2025

Esta convocatoria internacional é unha iniciativa destinada a financiar proxectos innovadores de investigación biomédica centrados na procura dunha cura para a diabetes tipo 1. A convocatoria está dirixida a investigadores consolidados con ideas innovadoras e cun enfoque traslacional.

A beneficiaria dunha destas axudas foi para o desenvolvemento de novas inmunoterapias de pequenas moléculas modificadoras da enfermidade para a diabetes tipo 1 (SmallDrugT1D), liderado pola Dra. Iria Gómez-Touriño e que se desenvolverá no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela, con colaboración do CiQUS e dos hospitais de Santiago e A Coruña, así como da asociación de pacientes Anedia. 

O proxecto busca identificar e desenvolver pequenas moléculas capaces de reducir a secreción de citocinas proinflamatorias implicadas na diabetes tipo 1, abordando un mecanismo pouco explorado nesta enfermidade. O obxectivo é obter novos fármacos inmunomoduladores, administrados por vía oral, para retrasar, deter ou reverter a progresión da diabetes tipo 1.