O investigador do CiMUS Carlos Diéguez ingresa na Real Academia Galega de Ciencias
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebra hoxe, 16 de novembro, o acto de ingreso de Carlos Diéguez González (San Xoán de Río-Ourense, 1955) como académico numerario da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da institución. O investigador pronunciará o seu discurso de ingreso, titulado Máis aló do hipotálamo: unha viaxe compartida, que será contestado en nome da RAGC polo académico Manuel Freire Rama.
O que foi durante máis de 10 anos director do CiMUS da USC, e tamén do CIBEROBN do Instituto de Salud Carlos III, considera esta etapa coma unha das máis “enriquecedoras por ter a oportunidade de compartir coñecemento, traballo e logros con talento de todo o mundo e de todas as idades”.
Referente mundial no campo da neuroendrocrinoloxía
Carlos Diéguez doutorouse na facultade de Medicina da USC no 1993. Ao longo da súa traxectoria centrou o seu labor investigador no campo da Endocrinoloxía e a Nutrición. Nos últimos 30 anos esta actividade reflectiuse en máis de 500 traballos en revistas internacionais; 58 deles publicados en Endocrinology e 46 no Journal of Clinical Endocrinology and Metabolism, ámbalas dúas da Sociedade Americana de Endocrinoloxía. Tamén publicou noutras revistas transdisciplinares de alto impacto como Lancet, Nature Medicine, Physiological Reviews, Trends in Neuroscience, Trends in Molecular Medicine, EMBO Journal, etc. É membro do comité científico de diferentes institucións de investigación biomédica.
É un científico altamente citado -máis de 58.000 veces- e é convidado con frecuencia a impartir conferencias en prestixiosos congresos internacionais como o Congreso Mundial de Endocrinoloxía, Congreso Europeo de Endocrinoloxía, Congreso Internacional de Neuroendocrinoloxía, Europeo de Farmacoloxía, Europeo de Neuropsicofarmacoloxía, Mundial de Fisioloxía, Europeo de Obesidade, entre outros moitos. Na súa traxectoria dirixiu unha trintena de teses de doutoramento.
Entre os seus recoñecementos, destacan o Premio de Investigación da Xunta de Galicia en Ciencias da Saúde, Premio Hypocs (galardón de ámbito mundial destinado a premiar un labor investigador de excepcional relevancia en neuroendocrinoloxía), Medalla da Sociedade Española de Endocrinoloxía, Premio Novoa Santos ou o Premio Geoffrey Harris da Sociedade Europea de Endocrinoloxía, entre outros.