Ir o contido principal
Científica

O investigador do CiMUS da USC Carlos Diéguez impartirá a Conferencia Alison Douglas na próxima reunión internacional Neuroendo Celebrate 2026 da Sociedade Británica de Neuroendocrinoloxía

O investigador do CiMUS da USC Carlos Diéguez será o encargado de impartir a Conferencia Alison Douglas na próxima reunión internacional de investigadores predoutorais e posdoutorais “Neuroendo Celebrate 2026”, organizada pola Sociedade Británica de Neuroendocrinoloxía.

O encontro, que se celebrará en setembro de 2026, recoñece cada ano figuras destacadas da neuroendocrinoloxía pola súa excelencia científica e polo seu compromiso co apoio ás novas xeracións de investigadores.

A traxectoria científica de Carlos Diéguez centrouse no estudo da regulación hipotalámica da secreción hormonal da hipófise anterior e do equilibrio enerxético. As súas investigacións contribuíron de maneira decisiva a comprender como sinais metabólicas como a leptina e a grelina modulan a secreción hormonal, así como a influencia recíproca entre os eixes hormonais hipofisarios e a homeostase enerxética. Así mesmo, os seus traballos permitiron afondar nas complexas vías hipotalámicas que coordinan estes procesos fisiolóxicos e no papel de distintos tipos celulares —incluíndo neuronas e células gliais— e dos sensores enerxéticos celulares na regulación da homeostase do organismo.

Durante a súa conferencia na Neuroendo Celebrate 2026, o investigador do CiMUS abordará os avances recentes no coñecemento dos mecanismos mediante os cales o hipotálamo integra sinais enerxéticas e regula procesos homeostáticos esenciais.

A Alison Douglas Lecture, impulsada pola Sociedade Británica de Neuroendocrinoloxía, rende homenaxe á profesora Alison Douglas, referente internacional en neuroendocrinoloxía reprodutiva e destacada defensora do desenvolvemento de investigadores nas etapas iniciais da súa carreira científica.