O investigador do CiMUS da USC Jose M. Tubío obtén unha das 58 Bolsas Leonardo, a única galega da convocatoria 2024
O investigador principal do CiMUS da USC Jose M. Tubío consegue un novo fito na súa carreira científica ao obter unha das 58 Bolsas Leonardo da Fundación BBVA, a única galega desta última convocatoria. A XI edición deste prestixioso programa de apoio á ciencia e á cultura de excelencia seleccionou, na área de Bioloxía e Biomedicina, o traballo "Mutación somática de tecido hepático no contexto da hepatite B", dirixido polo investigador compostelán, que financiará con 40.000 euros para o seu desenvolvemento nos próximos 18 meses.
"O proceso de asignación das bolsas foi especialmente competitivo, concorrendo un total de 1.392 solicitantes nos dez campos contemplados e, especificamente, 270 na área de Bioloxía e Biomedicina", segundo se recolle na comunicación recibida por Jose M. Tubío por parte da Fundación BBVA. "Un motivo máis de satisfacción e un novo impulso ao meu traballo no ecosistema galego de investigación", manifesta orgulloso o científico do CiMUS da USC.
Bolsas Leonardo, un alicerce clave para a ciencia de excelencia
As comisións evaluadoras da XI edición das Bolsas Leonardo da Fundación BBVA seleccionaron 58 proxectos altamente innovadores nun amplo rango de disciplinas da investigación científica e a creación cultural. Trátase de proxectos individuais, desenvolvidos por persoas que se atopan nun momento decisivo das súas traxectorias profesionais: investigadores e creadores de entre 30 e 45 anos.
Desde hai máis de dúas décadas, a actividade da Fundación BBVA centrouse en apoiar a ciencia e a cultura de excelencia, así como na súa proxección á sociedade. As Bolsas Leonardo constitúen unha aposta estratéxica e diferencial da Fundación para lograr este obxectivo, mediante o impulso ao coñecemento entendido como un continuo da investigación e a creación a través da exploración, sen levantar murallas entre as disciplinas. Por iso, o programa "cuxa dotación total ascende a 24,7 millóns de euros nas súas primeiras 11 edicións" foi bautizado co nome de Leonardo Da Vinci, xa que a súa esencia é apostar polo coñecemento, independentemente de se se trata de indagación científica ou creativa.
Desde esta óptica, o programa está composto por 10 áreas diversas da ciencia e a cultura, entendidas desde unha concepción ampla: Ciencias Básicas (Física, Química, Matemáticas); Bioloxía e Biomedicina; Ciencias do Medio Ambiente e da Terra; Enxeñarías; Ciencias da Computación e Ciencia de Datos; Ciencias Sociais; Humanidades; Artes Plásticas; Música e Ópera; Creación Literaria e Artes Escénicas.
Jose M. Tubío, perfil de excelencia en investigación en cancro
Ademais da súa traxectoria como divulgador, o científico do CiMUS da USC destaca pola súa proxección nacional e internacional no campo da investigación en cancro e, de maneira transversal, polo impacto global das súas publicacións. Tanto é así que, en 2019, foi nomeado Highly Cited Researcher 2019 pola Web of Science na categoría cros-field, o que o identifica como un dos científicos máis influentes do mundo en canto á calidade das súas publicacións.
No ano 2020, recibiu o ASEICA Young investigator Award da Asociación Española de Investigación Sobre o Cancro (ASEICA). En 2021, recibiu o XI Premio Nacional de Investigación en Cancro “Doctores Diz Pintado”. E, máis recentemente, en 2022, recibiu o III Premio Internacional a talentos mozos en Oncoloxía “Ramiro Carregal”.