Ir o contido principal
Científica

O maior evento divulgativo internacional sobre células nai Unistem Day acada a maioría de idade

  • Case 300 estudantes de secundaria e bacharelato de toda Galicia reuníronse na Facultade de Psicoloxía da USC para coñecer os últimos avances sobre células nai.

O Grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Párkinson do Centro de Investigacións en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), liderado polo catedrático José Luis Labandeira, organizou na Facultade de Psicoloxía da USC a xornada Unistem Day 2026, o evento internacional máis importante de divulgación sobre células nai e terapia celular, promovido pola Università degli Studi di Milano.

O obxectivo deste encontro, que acada a súa maioría de idade, é achegar a ciencia á mocidade dun xeito ameno. Baixo o lema “A viaxe interminable sobre investigación en células nai”, busca espertar o interese pola carreira investigadora e a vocación científica no alumnado de secundaria e bacharelato.

“Ao longo destes 18 anos, Unistem Day consolidouse como o maior evento internacional de divulgación científica dedicado ás células nai, achegando a ciencia a máis de medio millón de estudantes. Unha iniciativa de grande impacto real que contribúe a espertar vocacións científicas e a mostrar ás novas xeracións como a investigación se transforma en coñecemento útil para a sociedade”, explican os investigadores do CiMUS Juan Parga, Jannette Rodríguez e Ana Rodríguez, responsables da organización do evento na USC.

A Facultade de Psicoloxía de Santiago reuniu a preto de 300 estudantes e profesorado procedentes dos centros educativos Colexio Compañía de María, IES Rosalía de Castro, Colexio M. Peleteiro, IES Arcebispo Xelmírez I, IES Arcebispo Xelmírez II, IES Pontepedriña, IES do Milladoiro e IES Lamas de Abade.

 

Aprender xogando sobre a orixe da vida

Unistem Day 2026 incluiu charlas impartidas por docentes e investigadores da USC que abordaron os últimos avances no campo das células nai e da terapia celular, con temas como:

• “Free to choose science. Investigando a enfermidade de Párkinson”
• “18 anos e a célula nai: unha identidade en borrador”
• “De células a órganos: como a ciencia constrúe o corpo humano”
• “Elixir sen moldes: o que as células nai nos ensinan sobre a plasticidade cerebral”
• “Células nai: desmontando mitos e comprendendo a ciencia real”

Ademais, desenvolvéronse xogos interactivos grazas á colaboración de CASIO División Educativa, Principia e o CiMUS da USC.

Unistem Day 2026 reafirma o compromiso do CiMUS da USC coa divulgación científica e coa formación das futuras xeracións de investigadoras e investigadores, promovendo o interese pola ciencia desde idades temperás nun contexto educativo de alto nivel.

 

Inauguración

A xornada comezou cun acto de inauguración que contou con personalidades do ámbito académico e científico:
•  Antonio López, rector en funciones de la USC.
• Arturo Xosé Pereiro, decano da Facultade de Psicoloxía.
• José Luis Labandeira, director adxunto do CiMUS e investigador principal do grupo organizador.

O evento conta co patrocinio de diversas entidades e empresas comprometidas coa educación e a investigación, como o CiMUS da USC, Papelería Xaquín, Celta Ingenieros, Cienytech, Fisher Scientific, Casio División Educativa, Miltenyi Biotec, Principia, Merck, Editorial Elsevier, Editorial Panamericana, Editorial La Esfera de los Libros, Domino’s Pizza, Gadis e Albarin Catering.