Ir o contido principal
Divulgación

O obxectivo de G-Night é que a xente o pase ben e se sinta preto da ciencia

Coordinador dun dos eventos divulgativos de referencia en Europa, o investigador principal do CiMUS da USC, José Antonio Costoya, conversa con nós sobre as claves da Noite Europea das Persoas Investigadoras G-Night. Diversión, proximidade ó mundo científico e concienciación sobre a importancia que ten para o desenvolvemento económico e social son os obxectivos deste encontro internacional que reúne en liña as maneiras de facer ciencia de diferentes países europeos. O escenario COVID “dificulta a loxística”, recoñece Costoya, e obríganos a apostar polo formato híbrido presencial-online, pero “supón un reto organizar esta iniciativa” tendo a Galicia, por primeira vez, como actor principal.

 

Cal é o obxectivo principal da iniciativa? Con que perspectiva e expectativas enfocan o futuro?

É a primeira vez que Galicia, a través das universidades e outras entidades,  asume a organización do evento desde primeira liña, pero podemos tomar como referencia a ampla experiencia doutras Noites en Europa e mesmo de centros como  o CSIC ou IEO, con sede en Galicia, que teñen participado en anteriores edicións. O obxectivo deste ano, en liña con outras Noites, é seguir os pasos que se están dando. Trátase de sacar a ciencia á rúa e achegala ó conxunto da sociedade de maneira sinxela, divertida e interactiva. Queremos amosar a nosa maneira de traballar e espertar o interese e a conciencia sobre a transcendencia do eido científico, tanto aplicado como básico, xerador de coñecemento. Pretendemos dar a coñecer a cultura científica desde unha perspectiva global e funcional, sabendo que se a sociedade (de todas as idades e estratos) comprende o que facemos os científicos, será máis doado que valore o noso papel e se retro-alimente en beneficio da propia sociedade.

 

Como ve o compromiso da comunidade científica con este tipo de accións divulgativas? E das institucións académicas? Que outro tipo de promotores (ademais de museos, medios de comunicación, centros tecnolóxicos...) é necesario incorporar á colaboración actual?

Existe compromiso por parte da comunidade científica galega e abondosas experiencias neste senso, sobre todo como colaboradores e participantes en encontros que se promoven fóra. Pero queda aínda moito por facer e son necesarios máis eventos deste tipo. Temos que pensar que a cultura da divulgación científica é recente en Galicia e, polo tanto, é preciso que entidades de carácter científico, pero tamén institucional, estimulen iniciativas pensadas para achegar a ciencia ó conxunto da poboación. Non somos illas, senón parte da engrenaxe social e isto hai que visibilizalo. As sinerxías están avanzando ben entre todos os que formamos parte da organización e todos os socios (universidades, centros de investigación, tecnolóxicos….) están plenamente implicados, pero seguramente falten promotores e agardamos que poidan incorporarse nos vindeiros anos.

 

G-Night é unha experiencia con marca Europa e ingredientes de multiculturalidade e globalización que lle aportan riqueza a Galicia. Ten Galicia unha idiosincrasia científica?, que papel xoga no mapa europeo? Que lle falta a Galicia neste terreo?

Non hai como tal unha idiosincrasia, pero si considero que calquera actividade humana (profesional neste caso) vai ligada ó seu ecosistema e ó lugar no que se desenvolve porque ten unha compoñente de onde a fas. A ciencia forma parte da cultura e a cultura é permeable e trasládase a todos os ámbitos.  

En relación coa imaxe que de nós se ten, adoitamos saír ben parados en diferentes enquisas valorativas. Cuestión á parte é a correlación cos recursos que se destinan a facer e desenvolver ciencia. Neste plano, pese a que estamos no camiño correcto e a situación está mudando de maneira positiva, queda moito por andar porque aínda estamos moi lonxe doutros países do noso entorno.

Debemos mirarnos no ‘espello’ daqueles países cuxo investimento en ciencia se sitúe arredor do 3% do PIB porque este será un bo indicador de desenvolvemento integral e de calidade de vida. Ademais, debemos ser conscientes de que os tempos, case sempre, son diferentes no ámbito científico e no político. De aí que o horizonte da política científica deba trazarse de maneira ampla e a longo prazo, sabendo que as nosas contribucións (as da ciencia), moitas veces complexas, son grans de area na gran montaña de coñecemento.

Quero aproveitar para sinalar a importancia da xeración de coñecemento máis alá das aplicacións máis tanxibles porque, insisto, a ciencia faise desde a base e se non hai bos cementos non se poderá avanzar con paso seguro. Por exemplo, a edición xenética humana baséase en descubrimentos en bacterias ou as vacinas fronte a COVID-19  que hoxe nos están administrando non xurdiron o ano pasado, da nada, senón que teñen detrás coñecemento, avances e desenvolvementos previos que foron acertadamente aproveitados.

 

Charlas, obradoiros, experimentos, monólogos, arte a través da música ou do teatro... Falta algo no programa para facelo aínda máis atractivo?

Falta que saia todo ben, que a xente, toda, se anime a participar, lle guste e poidamos repetir; e que o tempo atmosférico axude! Tamén que as circunstancias sanitarias ocasionadas pola pandemia, que tanto nos están dificultando a loxística, nos permitan levar a termo con éxito o formato híbrido presencial-online. O ingrediente estrela este ano é a improvisación e a áxil capacidade de resposta, pero, á vez, supón todo un reto  organizar un evento destas dimensións neste momento e, seguro, unha proba de fogo para o futuro. Sobre a amplitude e transversalidade do programa, quixemos deseñar unha oferta variada e para todos os públicos que teña un pouco de experimentos, demostracións, de conversas man a man.... de diversas disciplinas científicas (biomedicina, física e química, robótica..) para levar á rúa a complexidade da ciencia, pero de maneira sinxela (que non simple) e amena porque o obxectivo de G-Night é a diversión, a proximidade e a interacción.