Ir o contido principal
Sin categoría

O Profesor Bairong Shen visita o CiMUS e os laboratorios daPlataforma Innopharma

O destacado investigador Bairong Shen visitou o CiMUS, onde tivo a oportunidade de coñecer de primeira man os laboratorios da Plataforma Innopharma. Durante a súa visita, o Profesor Shen compartiu a súa visión sobre a “medicina intelixente” e o seu potencial para transformar a atención médica personalizada.

O Profesor Shen, director executivo dos Institutos de Xenética de Sistemas no Hospital de China Occidental da Universidade de Sichuan, é recoñecido pola súa labor pioneira na aplicación da informática traslacional no ámbito biomédico. Cunha traxectoria de máis de 25 anos en bioinformática e medicina intelixente, publicou máis de 200 artigos científicos e 10 libros, ademais de ser revisor de mais de 30 revistas internacionais.

Durante a súa visita, o Profesor Shen destacou a importancia de integrar datos de alta calidade e modelos interpretables para ofrecer solucións médicas máis precisas e personalizadas.  “A medicina intelixente pode mellorar significativamente os resultados do tratamento e as taxas de supervivencia dos pacientes”, afirmou Shen, subliñando o papel crucial dos biobancos neste novo paradigma de atención médica. 

A visita do Profesor Shen facilitouna o investigador do CITIC Alejandro Pazos, coordinador do grupo RNASA-IMEDIR, quen tamén organizou o día anterior a conferencia de Shen no CITIC da UDC "Translational Informatics and Future Digital Medicine". Pazos destacou a relevancia das contribucións de Shen na investigación biomédica e o seu impacto no desenvolvemento da medicina personalizada e precisa.  

Mabel Loza, directora científica do CiMUS, e os membros da Plataforma Innopharma expresaron o seu entusiasmo pola do Profesor Shen e a oportunidade de intercambiar coñecementos cun líder mundial en medicina intelixente. Esta visita reforza o compromiso do CiMUS coa investigación de vangarda e a colaboración internacional para avanzar na medicina molecular e as enfermidades crónicas.