“A obesidade debe ser considerada unha enfermidade e temos que incrementar o investimento na súa investigación para entender a patoloxía”
O grupo NeuRoMet do CiMUS nace liderado polo novo investigador principal do centro singular da USC, Ismael González García. O seu obxectivo a medio prazo é a consolidación no campo da regulación central da homeostase enerxética e a obesidade, liña central de estudo que define a actividade do seu equipo. Talento formado na USC e reforzado en Alemaña, o mozo investigador sostén que o CiMUS “representa hoxe o paradigma de centro cunha excelente agrupación de investigadores biomédicos”, e destaca o seu “atractivo ambiente académico-clínico”, ideal para desenvolver a súa carreira. A obesidade, eixo de estudo do novo grupo, debe ser considerada en opinión do investigador como unha “enfermidade, independentemente de cal sexa a causa que a provocara” e ante esta seria ameaza para a saúde pública expón “fomentar un cambio social para reducir o ambiente obesoxénico que nos rodea, incrementar o investimento en investigación para entender a patoloxía e dotar de maiores recursos médicos aos sistemas de saúde para abordar un problema que ten unhas dimensións cada vez maiores”.
A súa carreira científica iniciouse no CiMUS da USC, pero destaca a súa etapa en Alemaña nun instituto de referencia en diabetes e obesidade. Como repercutiu o coñecemento e a experiencia no estranxeiro e que "importou" para o centro da USC no que agora se consolida?
Os anos en Munich foron fundamentais para o meu desenvolvemento como científico. A estimulante contorna, os investigadores que me rodeaban e os recursos dispoñibles fomentaron enormemente a miña creatividade e permitíronme explorar a miña independencia a nivel intelectual. No puramente científico, o postdoc en Helmholtz reforzou o meu perfil neuro-científico e supoño que precisamente o meu coñecemento técnico e teórico nese ámbito é a miña “importación” de maior valor.
Que vantaxes e fortalezas atopa no CiMUS para os investigadores novos como vostede?
Desde a súa creación, o CiMUS foi un referente para a investigación en España e segue representando hoxe en día o paradigma de centro cunha excelente agrupación de investigadores biomédicos. Entre as súas vantaxes, o centro conta con persoal de apoio administrativo, técnicos experimentados e recursos comúns que facilitan moito o traballo dos investigadores. Por outra banda, a súa proximidade ao CEBEGA é un aspecto moi positivo para investigadores que traballamos in vivo. Ademais, o CiMUS encádrase nun interesante ambiente académico-clínico, facendo que os seus investigadores se poidan enriquecer atraendo talento da súa masa estudantil, acceder aos seus recursos e instalacións e verse amparado polo prestixio internacional da USC, á vez que poden beneficiarse de colaboracións cos profesionais médicos do IDIS.
Desenvolver as súas liñas de investigación actuais centradas na relación do hipotálamo coa regulación do balance enerxético e a obesidade é o obxectivo do seu traballo cales serán, por tanto, as principais vías de estudo do seu grupo?
Actualmente o grupo está a establecer distintas liñas de investigación, todas elas centradas na relación do hipotálamo coa regulación do balance enerxético e a obesidade. Neste contexto, o grupo está enfocado en tres vías principais, o estudo dos receptores nucleares hipotalámicos, o papel neuroendocrino dos astrocitos e os efectos centrais dos estróxenos.
Que novos retos se expón na loita contra a obesidade e comorbilidades asociadas, sabendo que supón unha seria ameaza para a saúde pública?, que novos descubrimentos globais deben terse en conta?
Na miña opinión persoal, deixando claro que son un investigador de ciencia básica e non un experto en saúde pública, os retos na loita contra a obesidade residen en tres ámbitos fundamentais: fomentar un cambio social para reducir o ambiente obesoxénico que nos rodea, incrementar o investimento en investigación para entender a patoloxía e dotar de maiores recursos médicos aos sistemas de saúde para abordar un problema que ten unhas dimensións cada vez maiores.
Baixo o meu punto de vista, o descubrimento que está a revolucionar o campo nos últimos anos é a chegada dos análogos de GLP1 e os co-agonistas. Estas moléculas demostraron unha efectividade no tratamento da obesidade que nalgúns casos pódese equiparar á cirurxía bariátrica. Queda por ver como se desenvolverán no seu uso masivo, pero os estudos pre-clínicos e os ensaios clínicos publicados ata o de agora son esperanzadores.
Que a obesidade sexa considerada unha enfermidade e abordada como tal é unha das principais reivindicacións tanto de investigadores como de clínicos. Que opinión lle merece?
A miña posición é que a obesidade debe ser considerada unha enfermidade, independentemente de cal sexa a causa que a provocara. Esta consideración ten un consenso bastante amplo a nivel científico-médico, de feito, países como EE. UU., Canadá, Xapón, Portugal e Alemaña xa recoñeceron a obesidade como unha enfermidade. E aínda que é certo que en certos ámbitos discutiuse esta categorización, o que está claro son as nefastas consecuencias e os riscos asociados coa obesidade. A nivel social, eu creo que as enormes taxas de obesidade que estamos a ver nos últimos anos fixeron que a poboación xeral se concienciara do grave problema de saúde que estamos a sufrir. En calquera caso, a miña opinión é que en todas estas decisións de recoñecer ou definir o que é unha enfermidade o que debería prevalecer sempre é o benestar do paciente e buscar que as persoas con obesidade sexan correctamente diagnosticadas, avaliadas, aconselladas e tratadas.
Como valora a colaboración interdisciplinar entre grupos e áreas de coñecemento afíns, tan instalada no CiMUS?
Realmente positiva. A colaboración en ciencia é fundamental hoxe en día xa que estamos a abordar problemas complexos que moitas veces requiren solucións interdisciplinares.
Afortunadamente, o CiMUS como institución soubo fomentar ese espírito e a miña posición nisto é clara, axudar e colaborar sempre que sexa posible.
Retos xerais e obxectivos para o seu grupo a curto e medio prazo
Os retos do grupo Neuroendocrine Regulation of Metabolism (NeuRoMet) a curto prazo son a incorporación de investigadores en todas as etapas formativas e a captación de financiamento en convocatorias tanto nacionais como internacionais.
A medio prazo, o grupo ten como obxectivo un crecemento sostido que lle permita consolidarse no campo da regulación central da homeostase enerxética e a obesidade. Este obxectivo abordarase co reto en mente de xerar un lugar de traballo onde a igualdade, a diversidade e a inclusión sexan valores fundamentais dunha contorna académica acolledora e respectuosa.
Que consellos daría a un/a investigador/a que está a iniciar a súa carreira científica?
Como xa escribiu Ramón e Cajal, “o traballo crea o talento”. A carreira investigadora non é diferente doutras carreiras profesionais e non se necesita un talento especial para dedicarse a ela. Na miña experiencia, o traballo constante día a día, aínda que non garante que as cousas saian ben, adoita ser o mellor método no longo prazo.
