Ir o contido principal
Científica

Os últimos avances en investigación en células nai chegan aos mozos de Galicia no Unistem Day 2024

  • Achados, tendencias científicas e xogos interactivos achegarán "A viaxe interminable da investigación en células nai" a preto de 300 estudantes galegos
  • A xornada organizada polo grupo de Neuroloxía Celular e Molecular da Enfermidade do Parkinson do CiMUS da USC terá lugar o venres 22 de marzo, a partir das 9:00 horas, na Facultade de Psicoloxía

 

O Grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson do CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela, liderado polo catedrático José Luis Labandeira, organizará o próximo 22 de marzo na Facultade de Psicoloxía da USC a xornada Unistem Day 2024, o evento internacional de maior envergadura na divulgación sobre células nai e terapia celular promovido pola Università degli Studi dei Milano.

300 estudantes e profesores de oito centros educativos galegos daranse cita na Facultade de Psicoloxía de Santiago nesta xornada que baixo a lema "A viaxe interminable da investigación en células nai" pretende achegar a ciencia a novos estudantes e espertar o seu interese e vocación pola investigación. O IES Rosalía de Castro, Colexio M. Peleteiro, Colexio Compañía de María, IES Xelmírez I e IES Xelmírez II de Santiago, IES Manuel García Barros da Estrada, IES Plurilingüe de Valga e o CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel de Ourense serán os centros participantes.

 

O hospital de 'Minecraft': cada cubo, unha célula nai

O evento incluirá charlas de docentes e investigadores da USC que abordarán temas sobre os últimos avances no terreo das células nai e a terapia celular. "Despegando coas células nai", "Tras as pegadas microscópicas: unha viaxe a través da investigación con células nai", "O hospital de 'Minecraft': cada cubo, unha célula nai" e "Células nai: verdades, mentiras e o que hai no medio" centrarán a xornada. Tamén se incluirán Xogos interactivos conducidos por Lucía García, Laura Camacho, Cristina Gianzo, Pilar Aldrey e Iria Novoa coa colaboración de CASIO División Educativa, Leboriz e Principia.

 

 

O Ano Cajal, tamén protagonista da xornada

Ademais, este ano, enmarcado nas actividades do "Ano de Investigación Ramón e Cajal", incluirase a charla "Elas: esas bolboretas da alma. #Ano Cajal", impartida pola investigadora do CiMUS Ana I. Rodríguez que nos desvelará cales foron as mulleres neurocientíficas da escola de Cajal.

O acto de inauguración contará coa presenza da vicerreitora de Política Científica, María Pilar Bermejo Barrera; a decana da Facultade de Psicoloxía, María José Sampedro Vizcaya, e o codirector do CiMUS e investigador principal do grupo organizador, José Luis Labandeira García.

O evento conta co patrocinio do CiMUS, Celta Ingenieros, Fisher Scientific, Merck, Cienytech, Izasa Scientific, Casio División Educativa, Levoriz, Principia, Editorial Elsevier, Editorial Panamerica, Domino’s Pizza, Gadis e Albarin Catering.