Ir o contido principal
Institucional Transferencia

Presentación do Plan Complementario de Biotecnoloxía Aplicada á Saúde de Galicia dentro do PERTE para a Saúde de Vangarda

  • Presentado hoxe en Compostela, o Plan Complementario de Biotecnoloxía Aplicada á Saúde é un instrumento creado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades en colaboración con sete comunidades autónomas
  • Galicia lidera, para o conxunto de España, a liña de actuación 3 sobre plataforma de cribado de fármacos e análises das interaccións fármaco-diana 

O desenvolvemento de ferramentas para diagnóstico, prognóstico e terapias avanzadas ou dirixidas en medicina personalizada é o obxectivo principal do Plan Complementario de Biotecnoloxía Aplicada á Saúde (PCBAS) en Galicia, que lidera a Fundación Kaertor. Trátase dun conxunto de iniciativas agrupadas en seis grandes liñas de actuación, promovido polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades dentro do PERTE para a Saúde de Vangarda, e financiado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN).

A directora científica do CiMUS e coordinadora en Galicia do PCBAS, Mabel Loza, destacou que "o plan sitúa a Galicia á vangarda da biotecnoloxía, española e europea, porque nesta gran plataforma tamén estamos conectados con Europa e cada vez tecemos máis esa colaboración"; e destacou o carácter colaborativo dos proxectos, nos que se axuntaron as capacidades e fortaleza de todos os integrantes.

As tres universidades galegas de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo (USC, UDC e UVigo) e os tres institutos de investigación sanitarios (Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela -IDIS-, Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, -INIBIC- e Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur -IISGS-) participan como socios, no Plan con 15 proxectos disruptivos sobre descubrimento de fármacos, nanotecnoloxía, terapia celular e aplicación biomédica das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e  Intelixencia Artificial (IA). O programa en Galicia ten un orzamento de 3 millóns de euros, dos cales 1.950.000 proveñen do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e 1.050.000 son da Xunta de Galicia. A presentación do plan de traballo tivo lugar este venres 28 en Santiago, nun acto que contou coa participación da Comisionada do PERTE para a Saúde de Vangarda, Raquel Yotti.