A primeira rede galego-portuguesa Gallaecia-PET permitirá o desenvolvemento de novos radiofármacos diagnósticos e terapéuticos de alta precisión
- Seis entidades galegas e cinco portuguesas reuníronse en Compostela para pór en común os logros do primeiro ano desta plataforma que supón importantes avances tecnolóxicos e o desenvolvemento de radiofármacos ata o seu uso clínico
- Destacan proxectos como o desenvolvemento dun escáner de alta resolución para PET cerebral, avances en diagnóstico precoz e tratamento de tumores cerebrais, e en enfermidades inflamatorias, así como a colaboración directa para o desenvolvemento de terapias CAR-T e produción de novos radiofármacos
A cooperación público-privada entre socios transfronteirizos de Galicia e Portugal permite expor grandes desafíos tecnolóxicos a través da rede Gallaecia-PET, nacida hai pouco máis dun ano e encargada de coordinar e aumentar significativamente as diferentes capacidades existentes en ambas as dúas rexións en tecnoloxía de imaxe médica PET (tomografía de emisión de positróns), desde a investigación preclínica e o desenvolvemento de radiofármacos ata o seu uso clínico. Cinco entidades portuguesas (centros de investigación e tecnolóxicos, hospitais, universidades e empresas) e seis entidades galegas, reuníronse en Santiago de Compostela para facer balance e expor os primeiros fitos desta plataforma.
O desenvolvemento dun escáner de alta resolución para PET cerebral; avances en diagnóstico precoz e tratamento de tumores cerebrais, un proxecto de imaxe de inmuno-PET con anticorpos en enfermidades inflamatorias; o desenvolvemento de terapias CAR-T a través do Centro de Terapias Avanzadas de Galicia; a produción de novos radiofármacos a través do Centro de Produción de Radiofármacos PET, ambos os dous xestionados por Galaria, así como o intercambio de investigadores postdoutorais e a participación en tribunais de teses, son algúns dos logros alcanzados ata o momento.
Radioterapia de precisión
A PET é unha técnica diagnóstica non invasiva de medicina nuclear que permite tomar imaxes do organismo dos pacientes. É unha proba que utiliza pequenas cantidades de sustancias radioactivas denominadas radiosondas ou radiofármacos, unha cámara especial e un equipo informático para avaliar as funcións de tecidos e órganos. Mediante a identificación de cambios a nivel celular, a PET pode detectar as manifestacións temperás de enfermidades como o cancro antes que outros exames por imaxes. Trátase, por tanto, dunha técnica de grande utilidade en diagnóstico e seguimento das enfermidades tumorais, que pode usarse de maneira combinada con outras probas de imaxe, como o TAC, e achegar unha información máis exhaustiva e precisa da zona de estudo.
Socios de primeiro nivel
A rede Gallaecia-PET nace con longo percorrido grazas ás achegas de investigación, innovación e institucionais de todos os socios e espera recibir financiamento de fondos de desenvolvemento Interreg POCTEP.
Entre as entidades que forman parte desta plataforma atópanse empresas e centros de investigación da Eurorrexión: ATI Sistemas SA,Universidad de Aveiro (UA), Centro de Investigaciones en Medicina Molecular y Enfermedades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela, Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago IDIS e Galaria Empresa Pública de Servicios Sanitarios da Consellería de Sanidade, Instituto de Ciencias Nucleares Aplicadas a la Salud (ICNAS-Pharma), Instituto Politécnico de Coimbra (IPC), Laboratorio de Instrumentaçión y Física Experimental de Partículas (LIP), Qubiotech Health Intelligence SA, Radiation Imaging Technologies Lda. (RI-TE) e a Universidad de Vigo (UVigo).
A reunión de Santiago de Compostela contou cun importante número científicos de Galicia e Portugal, así como tres mesas redondas formadas por responsables políticos, científicos e sanitarios onde se abordaron os diferentes desafíos e cuestións estratéxicas que afronta a nosa eurorrexión entorno a diferentes tecnoloxías sanitarias. Nas sesións científicas explicáronse os avances realizados no uso de nanopartículas para imaxe PET e novas estratexias baseadas no uso de anticorpos monoclonais como radiofármacos para diagnóstico e terapia. Nun segundo bloque, explicáronse os avances realizados no campo do desenvolvemento tecnolóxico, tanto de novos equipos de imaxe de alta resolución como técnicas de IA aplicadas á análise de imaxe PET. Nas mesas redondas tratáronse os desafíos que os nosos hospitais afrontan neste ámbito, principalmente relacionados coa subministración de radiofármacos cara a rexións periféricas e outras cuestións regulatorias que afectan de forma diferente aos dous lados da fronteira galaico-portuguesa.
O encontro, celebrado en Compostela, contou na súa xornada de inauguración coa presenza do reitor da USC, Antonio López; o conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Antonio Gómez Caamaño; o director adxunto do CiMUS, José Luís Labandeira, e a directora científica do IDIS, Mª Luz Couce.
Fotos: Santi Alvite.