Ir o contido principal
Científica Institucional

Protonterapia, eixo do CiMUS da USC na súa conmemoración do Día da Física Médica

  • De man de todo un referente mundial neste campo, a física médica Marie Vidal, que será a encargada de impartir a conferencia "Clinical challenges and opportunities in protontherapy at Centre Antoine Lacassagne"
  • Terá lugar o xoves día 7 de novembro, ás 12:00 horas, no Theatre room do CiMUS

     

A USC conmemorará o Día Internacional da Física Médica no CiMUS e farao falando de protonterapia da man dun dos referentes mundiais neste campo, Marie Vidal, física médica no Centro Antoine Lacassagne, en Niza. A súa intervención versará sobre os cambios clínicos e as oportunidades que xera a protonterapia, contextualizando a súa aplicación no Centro Antoine Lacassagne ao que está adscrita. Será o próximo 7 de novembro, ás 12:00 horas, no Theatre room do CiMUS, facendo coincidir a súa conferencia coa data exacta desta efeméride.

A elección do tema entronca con dous aspectos esencias para a USC: por unha banda, a recente ampliación por parte do CiMUS das súas áreas de investigación cunha nova liña de estudo, a protonterapia, sumando ao equipo deste Centro Singular a nova investigadora principal Yolanda Prezado, científica referente en París neste campo, e, por outro, a construción do Centro de Protonterapia de Galicia que segundo previsións oficiais comezará a funcionar en 2026, convertendo a esta Comunidade na primeira de España en contar cun centro destas características.

Desde o CiMUS quérese pór en valor o feito de que a protonterapia, tamén coñecida como radioterapia de alta precisión, permitirá situar a Galicia á vangarda dos novos tratamentos contra o cancro e lémbrase de que se trata dunha aposta clara desta Comunidade pola investigación física e sanitaria que redunda en beneficio da cidadanía.

 

A opción máis eficiente contra tumores de difícil acceso e contra o cancro infantil

A protonterapia demostrou unha alta eficacia e maior seguridade ca radioterapia convencional con fotóns ou electróns. Trátase dunha técnica que permite un tratamento moi eficaz de tumores de difícil acceso ou situados en lugares sensibles, cunha altísima precisión que acurta, de maneira moi significativa, os tratamentos e evita, en boa medida, os efectos secundarios doutras técnicas. A protonterapia reduce de forma significativa efectos indesexados en tecidos sans, sendo unha forma eficaz para tumores nos que a radioterapia convencional non resulta efectiva e a cirurxía non é unha opción.

A diferenza da radiación de fotóns tradicional, que usa raios X para atacar o tumor, pero que aplica radiación en tecido san, a terapia de protóns é un tratamento que dirixe protóns ao tumor, onde depositan a maior parte da dose de radiación. Con esta terapia, a radiación residual é mínima, o que reduce potencialmente os efectos secundarios e o dano ao tecido circundante.

No caso do cancro infantil, unha das principais vantaxes dos protóns en pacientes oncopediátricos é a súa capacidade de preservación de tecidos sans. A precisión deste tipo de radioterapia permite que os máis novos poidan aspirar a unhas taxas de supervivencia moi elevadas e nunhas condicións de calidade de vida o máis óptimas posibles. En casos como os tumores neuropediátricos, por exemplo, a protonterapia consegue preservar mellor as funcións neurolóxicas.

 

Sobre CiMUS

O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela forma parte da rede de centros de investigación cun novo modelo de organización e funcionamento, que constitúe o elemento fundamental da estratexia de I+D do proxecto CAMPUS VIDA (Campus de Excelencia Internacional, MEC-MICINN, 2009). A misión do CiMUS consiste en realizar unha investigación básica de calidade contrastada, co obxectivo de conseguir avances na prevención, entendemento e tratamento da enfermidade crónica. O centro conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación. Máis información na web https://cimus.usc.gal/ ou síguenos nas redes sociais @cimususc (X, Facebook, Instagram e LinkedIn).