Recoñecemento ao CiMUS por parte da Asociación de Parkinson Galicia-Coruña
O CiMUS da USC recibe o Premio “Aloumiño” polo seu compromiso coa investigación en párkinson..
O Centro Singular de Investigación en Medicamento Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela foi distinguido co Premio “Aloumiño”, outorgado pola Asociación de Parkinson Galicia-Coruña, no marco das VII Xornadas de Parkinson: Innovación con impacto. Ciencia, tecnoloxía e terapias ao servizo das persoas, celebradas con motivo do 30 aniversario da entidade.
Este recoñecemento pon en valor o compromiso do CiMUS coa investigación na enfermidade de Parkinson e outras patoloxías neurodegenerativas. En particular, o xurado destacou o labor do grupo de Neurobiología Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson, cuxa investigación contribúe de forma significativa ao avance do coñecemento científico e ao desenvolvemento de novas estratexias orientadas a mellorar a calidade de vida das persoas afectadas.
O premio supón, ademais, un impulso para continuar avanzando nunha investigación que busca transformar o coñecemento científico en solucións reais con impacto social.
O subdirector del centro, José Luis Labandeira, e a investigadora principal, Ana Isabel Rodríguez, recolleron a distinción durante o acto celebrado o pasado venres na Coruña. No transcurso do evento, ambos subliñaron que “premios como o Aloumiño reforzan a motivación para seguir traballando con responsabilidade e dedicación no ámbito das enfermidades neurodegenerativas, un campo crave para afrontar algúns dos grandes retos actuais en saúde”. Así mesmo, destacaron que “este galardón é tamén un reflexo do esforzo colectivo de todo o equipo e do compromiso cunha ciencia próxima, orientada ás persoas e con impacto na sociedade”.
O CiMUS da USC agradécese profundamente este recoñecemento e reafírmase a vontade de seguir colaborando coa comunidade científica, as asociacións de pacientes e a sociedade no seu conxunto para avanzar na investigación, xerando coñecemento, esperanza e novas oportunidades para o futuro.
![]() | ![]() |
Fotos: Asociación Parkinson Galicia-Coruña.


