Ir o contido principal
Científica

Santiago de Compostela acolle o Congreso Mundial de Xenética Forense liderado desde a USC

  • De man dos profesores da USC Ángel Carracedo e María Vitoria Lareu, e no que se darán cita máis de mil especialistas de 62 países de todo o mundo
  • Terá lugar no Auditorio de Galicia, do 9 ao 13 de setembro. A inauguración está prevista para mañá martes, ás 19:00 horas
  • Últimos avances en técnicas de perfís de ADN ou consideracións éticas centrarán, entre outros numerosos temas, o contido do congreso

Compostela acollerá desde hoxe luns ata o venres 13 de setembro, a 30 edición do Congreso Mundial de Xenética Forense no que se darán cita máis de 1.000 especialistas de 62 países de todo o mundo. A inauguración, prevista para mañá martes 10 de setembro, ás 19:00 horas, no Auditorio Galicia, contará coa participación, ademais dos presidentes do Congreso, Ángel Carracedo, investigador principal do CiMUS da USC e exdirector do Instituto de Ciencias Forenses da USC, e María Vitoria Lareu, exdirectora do Instituto de Ciencias Forenses e directora da Unidade de Xenética forense, e co presidente da International Society for Forensic Genetics (ISFG), John Butler, dos conselleiros de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e de Sanidade da Xunta de Galicia, Román Rodríguez e Antonio Gómez respectivamente, e da alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín.


Unha sede de prestixio neste campo

É a segunda vez que Santiago acolle esta cita de referencia en xenética forense, remontándose a primeira delas a 1995, dado o carácter bienal deste encontro.

Ao longo dos cinco días que durará o congreso abarcarase un amplo espectro de temas, desde os últimos avances en técnicas de perfís de ADN, ata discusións sobre as consideracións éticas que sustentan o traballo neste campo, contando para iso con destacadas personalidades na materia como: Manel Esteller (España), Carla Marshall (Estados Unidos), Maria Martinón (España), Peter Gill (Noruega), Bas Kokshoorn (Paisex Baixos), Duncan Taylor (Australia), Andreas Tillmar (Suecia) e Mariya Goray (Australia).

Na xornada de hoxe luns terán lugar 12 workshops impartidos polos mellores expertos do mundo sobre aspectos científicos de primeira orde en xenética forense.

O presidente do Congreso, Ángel Carracedo, que actualmente é presidente da Academia Internacional de Medicina Legal (IALM), e foi presidente da ISFG de 2004 a 2008 e membro do seu equipo directivo durante 20 anos, destaca a arraigada historia de Santiago de Compostela no campo da Xenética Forense como fogar dun dos grupos máis activos neste campo: "o Instituto de Ciencias Forenses da USC, dirixido actualmente pola profesora María Vitoria Lareu é un centro de referencia a nivel mundial que liderou moitos anos a produción científica a nivel mundial neste campo. De feito, aquí formáronse moitos dos expertos que se darán cita neste encontro e analizáronse casos de moita notoriedade de moitos países do mundo. O nivel deste Congreso non fai máis que elevar aínda máis o prestixio de Santiago en medicina forense". 
 


Web do Congreso: https://isfg2024.com/