Ir o contido principal
Científica Institucional

Seis investigadores CiMUS reciben máis de 620.000 euros de AECC

  • A través das Axudas á Investigación nas categorías de Axuda Proxectos Xerais, Axudas Semente e Axudas Predoctorais
  • Miguel López, Aurora Gómez, Lara García, Emma Ramos, Adrián Aparicio e Alberto Tinahones foron os adxudicatarios desta edición

Seis investigadores do CiMUS da USC acaban de recibir un total de 623.740 euros da Asociación Española contra o Cancro (AECC). AECC presentou hoxe as Axudas á Investigación AECC 2023, na sede do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, coa asistencia do presidente e vicepresidente de AECC na Coruña, Manuel Aguilar e Carlos Lamora; as directoras científicas do CiMUS e do IDIS, Mabel Loza e Luz Couce; a xefa do Servizo de Oncoloxía do CHUAC, a doutora Rosario García Campelo; e Tania Casal, paciente oncolóxica e voluntaria de AECC. Durante o acto entregáronse ademais os diplomas aos adxudicatarios, encargados de explicar en que consisten os seus proxectos de investigación.

A axuda máis cuantiosa, cun importe de case 300.000 euros, é a axuda a Proxectos Xerais AECC, adxudicada ao doutor Miguel López, director do grupo NeuroObesidade do CiMUS da USC que afondará no tratamento da caquexia, unha síndrome que afecta á calidade de vida e supervivencia dos pacientes de cancro.

Ademais, adxudicáronse dúas Axudas Semente AECC, de 20.000 euros cada unha, sendo as súas destinatarias Aurora Gómez, investigadora principal no MitoPhenomics Lab do CiMUS, que traballará sobre o papel das variantes do ADN mitocondrial en oncoxénese e efectividade en tratamentos de cancro, e Lara García, investigadora adscrita ao grupo Molecular Imaging Biomarkers and Pharmacokinetic Modelling do CiMUS, co seu proxecto “Mellorar o diagnóstico de tumores cerebrais e a selección de tratamentos personalizados a través da imaxe molecular”. 

A AECC tamén apoia aos investigadores CiMUS, Emma Ramos, Adrián Aparicio e Alberto Tinahones con Axudas Predoctorais por valor de 100.600 euros para os dous primeiros e de 88.000 euros para o terceiro investigador.

Emma Ramos traballará nunha nova estratexia para o tratamento de tumores cerebrais baseada en imaxe e nanotecnoloxía. Pola súa banda, Adrián Aparicio estudará os mecanismos moleculares responsables da aparición e malignidade dun tipo de cancro do sistema nervioso coñecido como Tumores da Vaina dos Nervios Periféricos para avanzar no seu tratamento e prevención. Alberto Tinahones traballa na procura de novas dianas terapéuticas para o tratamento do colangiocarcinoma (cancro de fígado).

A directora científica do CiMUS, Mabel Loza, cualificou a financiación de AECC como “extraordinaria”. Máis alá de proveer "fondos que os investigadores necesitamos para propor soluciones fronte ao cancro", as Axudas "lémbrannos que imos estar acompañados durante o proceso de investigación, achegando a visión dos pacientes e a positividade da Asociación, sempre coa mirada posta na transferencia".