As teses do CiMUS: Aitor Picos Martínez

O CiMUS da USC incorporou hoxe un novo doutor a súa canteira de investigadores. Trátase de Aitor Picos Martínez, quen defendeu con éxito a súa tese doutoral titulada “Efectos lonxitudinais do tratamento intermitente con rapamicina sobre a senescencia replicativa de células endoteliais humanas HUVEC”.
Este traballo achega evidencias relevantes sobre a eficacia do tratamento intermitente con rapamicina para atrasar a senescencia endotelial e preservar a función vascular, validando unha estratexia terapéutica capaz de manter os beneficios antisenescentes, co potencial de evitar os efectos adversos asociados á inhibición continua da vía mTOR.
A tese, dirixida polos investigadores María Dolores Viña Castelao e Manuel Campos Toimil, foi avaliada por un tribunal composto por María Isabel Fariñas Gómez, da Universidade de Valencia; Ezequiel Álvarez Castro, da Universidade de Santiago de Compostela, e Concepción Peiró Vallejo, da Universidade Autónoma de Madrid.
Rapamicina intermitente fronte ao envellecemento vascular
O envellecemento é o principal factor de risco das enfermidades cardiovasculares e a senescencia celular contribúe ao deterioro tisular asociado á idade. No sistema vascular, a senescencia endotelial altera funcións clave como a homeostase e a capacidade anxioxénica. Aínda que a rapamicina, inhibidora da vía mTOR, mostrou potencial antienvellecemento, o seu uso continuado pode provocar efectos adversos.
Neste contexto, a tese analiza o impacto dun tratamento intermitente con rapamicina en células endoteliais humanas (HUVEC), avaliando a súa capacidade para atrasar a senescencia sen comprometer a identidade nin a función endotelial, así como o seu efecto sobre o SASP e a activación de monocitos THP-1.
Os resultados indican que este réxime inhibe parcialmente mTORC1 sen afectar a mTORC2, atrasa a senescencia replicativa e preserva a función endotelial. Ademais, reduce o estrés oxidativo e modula o SASP, diminuíndo a activación de monocitos, aínda que persisten sinais proinflamatorias residuais.
