Ir o contido principal
Científica

As teses do CiMUS: Alejandro Fuentes Iglesias

 

"Pluripotencia inducida: diseccionando o papel da edición do ARN mediada por ADAR", este é o título da tese defendida nesta xornada por Alejandro Fuentes Iglesias quen se suma a partir de hoxe como novo doutor CiMUS á canteira de investigadores deste Centro Singular da USC.

Este traballo, dirixido polos investigadores principais do CiMUS, Miguel Ángel Fidalgo Pérez e Anxo Vidal Figueroa, permitiu identificar por primeira vez a edición do ARN como unha nova capa de regulación implicada nas transicións de identidade celular durante a reprogramación, proporcionando un maior entendemento dos mecanismos moleculares que subxacen á adquisición da pluripotencia.

Para iso detectou que a ausencia da actividade catalítica de ADAR1 desencadea unha activación aberrante da resposta inmune innata e da tensión do retículo endoplasmático, que finalmente compromete a transición mesénquima-epitelial e impide a xeración de células pluripotentes inducidas.

"Mecanísticamente, os nosos datos revelan que a edición do ARN inhibe a detección por MDA5 e o secuestro no citoplasma de ARN codificantes para a resposta a proteínas mal encartadas, permitindo así unha correcta homeostase do retículo endoplasmático durante a xeración de iPSCs", comenta o novo doutor CiMUS. O estudo, que foi avaliado por un tribunal do que formaron parte o IP do CiMUS, Miguel Antonio López; a investigadora RyC de Bioloxía Celular, Fisioloxía e Inmunoloxía da Universidade de Barcelona, Ana Sevilla, e a profesora asociada de Bioquímica e Bioloxía Molecular na Umea University, Francesca Margalida Aguilo, deu lugar aos seguintes artigos:

  • Guallar D*, Fuentes-Iglesias A*, Souto Y, Ameneiro C, Freire-Agulleiro O, Pardavila JA, Escudero A, Garcia-Outeiral V, Moreira T, Saenz C, Xiong H, Liu D, Xiao S, Hou Y, Wu K, Torrecilla D, Hartner JC, Blanco MG, Lee LJ, López M, Walkley CR, Wang J, Fidalgo M. ADAR1-Dependent RNA Editing Promotes MET and iPSC Reprogramming by Alleviating ER Stress. Cell Stem Cell. 2020 Aug 6;27(2):300-314.e11. doi: 10.1016/j.stem.2020.04.016. Epub 2020 May 11. PMID: 32396862; PMCID: PMC7415614.
  • Fuentes-Iglesias A*, Ameneiro C*, Guallar D, Fidalgo M. Detecting and Modulating ER Stress to Improve Generation of Induced Pluripotent Stem Cells. Methods Mol Biol. 2022;2454:743-754. doi: 10.1007/7651_2021_354. PMID: 33689163.
  • Fuentes-Iglesias A, Garcia-Outeiral V, Pardavila JA, Wang J, Fidalgo M, Guallar D. An Optimized Immunoprecipitation Protocol for Assessing Protein-RNA Interactions In Vitro. STAR Protoc. 2020 Sep 18;1(2):100093. doi: 10.1016/j.xpro.2020.100093. Epub 2020 Aug 26. PMID: 32995755; PMCID: PMC7521669.

Para a realización deste traballo, o investigador contou coa axuda para contratos predoutorais para a formación de doutores/as 2017 do Ministerio de Ciencia e Innovación, ademais de realizar unha estancia de investigación de tres meses no laboratorio do Dr. Jianlong Wang no Columbia University Irving Medical Center (NY, USA).