As teses do CiMUS: Ángela Turrero Braojos
A nova doutora CiMUS da USC, Ángela Turrero, súmase á canteira de investigadores do Centro. Faino tras presentar con éxito a súa tese "Avaliación biolóxica de terapias innovadoras fronte ao cancro" avaliado por un tribunal composto por Marcos García, da USC; Manuel Collado, do CSIC, e Erea Borrajo de Roche Farma.
Este traballo, realizado baixo un contrato predoutoral FPI e dirixido por Anxo Vidal, permitiu realizar unha avaliación biolóxica de tres terapias innovadoras: clústeres atómicos cuánticos de cinco átomos de prata, anticorpos monoclonais terapéuticos e nanosistemas para a entrega de axentes terapéuticos.
Os resultados obtidos mostran que as terapias innovadoras estudadas supoñen unha estratexia prometedora fronte ao cancro, "unha das principais causas de morte en todo o mundo e para a que se seguen estudando estratexias terapéuticas que poidan axudar a mellorar a resposta ao tratamento e os seus efectos secundarios", tal e como lembra a nova doutora do CiMUS.