As teses do CiMUS: Antía Fernández Pombo
Antía Fernández Pombo súmase á canteira de novos doutores do CiMUS tras defender con éxito a súa tese doutoral en formato semipresencial. O traballo “Historia natural e comorbilidades das síndromes lipodistróficas en España”, dirixido polo investigador principal do CiMUS da USC, David Araújo, foi avaliado por un tribunal composto polo Prof. Ferruccio Santini, xefe do Centro de Obesidade e Lipodistrofia no Hospital Universitario de Pisa, Italia; o Prof. Miguel A Martínez Olmos, xefe do Servizo de Endocrinoloxía e Nutrición do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela e o Dr. José Cocho de Juan, xefe de sección do laboratorio de Metabolopatías do Hospital Clínico Universitario de Santiago.
Esta tese constitúe o primeiro estudo en vida real cuxo obxectivo é o de avaliar o curso natural e as comorbilidades asociadas ao longo da vida dos pacientes con lipodistrofia xeneralizada e parcial en España, tanto adquirida como conxénita, nun esforzo por contribuír a aumentar o coñecemento destas síndromes infrecuentes.
As síndromes lipodistróficas constitúen un grupo heteroxéneo de enfermidades raras caracterizadas pola perda selectiva de tecido adiposo, que leva a unha deterioración na sinalización da insulina e outras funcións celulares, dando lugar a complicacións metabólicas (diabetes, hipertrigliceridemia, esteatosis hepática, patoloxía cardiovascular, etc.) que contribúen a unhas maiores taxas de mortalidade nestes pacientes. No obstante, a historia natural exacta destas síndromes non está ben documentada, o que leva a grandes atrasos no diagnóstico ou mesmo a diagnósticos erróneos. “Este traballo contribúe a aumentar o coñecemento destas síndromes infrecuentes, abordando varias limitacións de estudos previos e brindando así mesmo un punto inicial de comparación para os estudos prospectivos en curso do Consorcio Europeo de Lipodistrofias (ECLip)”.
A nova doutora CiMUS realizou unha estancia de investigación no Institute of Metabolic Science, do Hospital da Universidade de Cambridge, no grupo de investigación dirixido polo Prof. Mark Gurnell, e contou desde 2020 ata a actualidade cun contrato Río Hortega polo Instituto de Saúde Carlos III (CM20/00155).

