Ir o contido principal
Científica

As teses do CiMUS: Cristina Ameneiro Quiñoy

A última tese defendida no CiMUS por Cristina Ameneiro Quiñoy afonda nas proteínas CCM, esenciais para un correcto desenvolvemento embrionario e función endotelial. Baixo o título “Estudo da función CCM en pluripotencia e especificación endotelial”, o traballo, dirixido polos investigadores principais do CiMUS, Miguel Fidalgo e Diana Guallar, busca indagar no papel ata o de agora descoñecido que desempeñan as proteínas CCM en pluripotencia e na toma de decisións celulares que determinan a liñaxe endotelial.

De feito, os mecanismos identificados nesta tese doutoral abren novas vías de estudo para entender mellor a función CCM en desenvolvemento temperán, bioloxía endotelial e enfermidade.

“Os meus resultados revelan que as proteínas CCM1, CCM2 e CCM3 interveñen no control transcripcional que goberna pluripotencia e que son necesarias durante a diferenciación celular, incluíndo a especificación endotelial a partir de ESCs”, explica a nova doutora CiMUS. Ameneiro sinala ademais que este estudo demostra tamén que CCM2 coordina estados alternativos de pluripotencia a través da vía de sinalización de ERK1/2 e de programas epixenéticos.

Este traballo foi avaliado por Celia María Pombo, profesora catedrática da USC; José María Carvajal González, do departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular e Xenética da Universidade de Extremadura, e Raquel Pérez Palacios, do departamento de Anatomía, Embrioloxía e Xenética Animal da Universidade de Zaragoza, como membros do tribunal.

Cristina Ameneiro Quiñoy contou coa axuda de apoio á etapa predoutoral da Xunta de Galicia.