As teses do CiMUS: Cristina de la Parte
Cristina de la Parte acaba de sumarse á canteira de investigadores do CiMUS da USC tras presentar con éxito hoxe a súa tese doutoral "Estudo da función de TET2 a través dos seus interactores en pluripotencia e envellecemento". Este traballo centrouse na investigación das funcións que desempeña TET2 a través das súas proteínas interactoras no envellecemento e nas células pluripotentes, consideradas o paradigma de estado celular mozo.
"Empregando como modelo de envellecemento in vitro fibroblastos derivados de ratos novos e vellos, comprobouse unha regulación á baixa tanto de Tet2 como do seu interactor Ints4 coa idade. Ademais, explorouse o papel do complexo TET2-INTS4 en células pluripotentes, revelando un papel descoñecido deste complexo na reparación do ADN", comenta a nova doutora CiMUS.
Finalmente estudáronse tamén outros interactores de TET2 así como reguladores epitranscriptómicos no envellecemento de C. elegans, mostrando este estudo novas funcións descoñecidas de TET2 e novas perspectivas para desentrañar o papel que esta desempeña no envellecemento.
A tese, dirixida polos investigadores principais do CiMUS Diana Guallar e Miguel Fidalgo, foi avaliada por un tribunal composto pola Dra. Francesa Aguiló, profesora titular de Bioquímica e Bioloxía Molecular de Umea University; a Dra. Sonia Mulero Navarro, profesora titular da área de Xenética da Universidade de Estremadura, e o Dr. Miguel González Blanco, profesor titular de Bioquímica e Bioloxía Molecular da Universidade de Santiago de Compostela.
Cristina de la Parte foi beneficiaria dunha das axudas de apoio á formación da Xunta de Galicia e realizou unha estancia internacional no laboratorio do Dr. Julián Valdés no Instituto de Fisioloxía Celular da Universidade Autónoma de México (UNAM) na Cidade de México.
Durante a realización da tese, publicou o artigo de revisión e o capítulo de libro que se relacionan a continuación:
- de la Parte C, Guallar D. Epigenetic ageing and its reversal. In: Fang EF, Bergersen LH, and Gilmour BC (eds). Molecular, Cellular, and Metabolic Fundamentals of Human Aging. San Diego: Elsevier Inc./Academic Press, 2022: 9-39.
Garcia-Outeiral V, de la Parte C, Fidalgo M, and Guallar D. 2021. “The Complexity of TET2 Functions in Pluripotency and Development.” Frontiers in Cell and Developmental Biology. https://doi.org/10.3389/fcell.2020.630754.