Ir o contido principal
Científica

As teses do CiMUS: Iago Otero Coto

O CiMUS da USC sumou hoxe un novo doutor a súa canteira de investigadores. Trátase de Iago Otero Coto, quen defendeu con éxito a súa tese doutoral titulada “Explorando o papel regulador dos elementos transpoñibles no contexto de interaccións de cromatina TE-xen de longa distancia no cancro humano”.

Este traballo analiza o papel dos elementos transpoñibles (TEs), secuencias de ADN móbiles que constitúen máis do 45% do xenoma humano. Concretamente, a tese de Otero Coto céntrase en como estes elementos reguladores derivados de TEs afectan ao cancro de pulmón, tendo en conta a organización tridimensional do xenoma.

Entre os achados máis destacados, o investigador identificou contactos 3D específicos de tumores que involucran elementos reguladores de TEs e detectou cambios na expresión xenética asociados a súa proximidade espacial, achegando novas pistas sobre os mecanismos moleculares do cancro.

O traballo, dirixido polo investigador principal Jose Tubío, foi avaliado por un tribunal composto por Ignacio Varela, do Instituto de Bioloxía e Biotecnoloxía de Cantabria; Diana Guallar, do CiMUS da USC; e Sonia Prado, da Vienna University of Technology.

A investigación contou co apoio de diversas axudas: Axudas de apoio á etapa predoutoral 2021, Xunta de Galicia (ED481A-2021/096); contrato predoutoral FPU, Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (FPU21/02665); proxecto LabAECC 2020, Fundación AECC (LABAE20053TUBI); e Proxecto CaixaResearch Health 2022, Fundación “la Caixa” (HR22-00529).

Con esta incorporación, o CiMUS reforza así a súa canteira de investigadores especializados en xenómica e biomedicina, consolidándose como un referente na investigación de enfermidades humanas complexas.