As teses do CiMUS: Jessica Fraga Codesido

O CiMUS da USC sumou hoxe unha nova doutora a súa canteira de investigadores. Trátase de Jessica Fraga Codesido, quen defendeu con éxito a súa tese doutoral titulada “Novos enfoques teragnósticos en enfermidades inflamatorias mediante imaxes TNF-a PET”. Un traballo que abre novas posibilidades para o diagnóstico e a monitorización terapéutica individualizada das enfermidades inflamatorias (teragnose).
Para iso, esta tese desenvolveu unha metodoloxía baseada en PET, utilizando [89Zr]Zr-DFO-adalimumab para analizar a biodistribución e a farmacocinética en modelos murinos de enfermidade inflamatoria intestinal, uveíte e artrite reumatoide, administrados por vía intravenosa, subcutánea e intravítrea.
Durante o desenvolvemento da investigación, un dos capítulos da tese levouse a cabo en colaboración co grupo de Inmunidade e Pequenas Moléculas da investigadora Iria Gómez Touriño, deste Centro Singular, o que permitiu reforzar as sinerxías entre grupos así como o alcance científico do traballo.
A tese, dirixida polos investigadores Pablo Aguiar, Anxo Fernández-Ferreiro e Francisco Otero Espinar, foi avaliada por un tribunal composto por Rocío Herrero Vanrell (da Universidad Complutense de Madrid); Miguel Ángel Morcillo Alonso (investigador científico de OPIs no CIEMAT) e Francisco González García (catedrático de oftalmoloxía no Departamento de Cirurxía e Especialidades Médico-Cirúrxicas da Universidade de Santiago de Compostela).
Realizado co financiamento dun contrato predoutoral do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), este traballo deu lugar á publicación do artigo “PET biodistribution study of subcutaneous and intravenous administration of adalimumab in an inflammatory bowel disease model” na revista International Journal of Pharmaceutics.
