Ir o contido principal
Científica

As teses do CiMUS: Joan Blázquez Vicens

O CiMUS da USC incorporou hoxe un novo doutor ao seu cadro de persoal investigador. Trátase de Joan Blázquez Vicens, quen defendeu con éxito a súa tese titulada “Estudo funcional e mecanístico do papel do lncRNA SNHG18 nas enfermidades hepáticas”.

Trátase dunha investigación sobre o papel de ARN longos non codificantes (lncRNAs) nas enfermidades hepáticas, que segue sendo, en boa medida, descoñecido. 

Un novo regulador da resposta ao dano hepático

A enfermidade hepática crónica continúa a ser un importante reto sanitario e o papel dos ARN longos non codificantes (lncRNAs) no seu desenvolvemento segue sendo pouco coñecido. A tese de Joan Blázquez centrouse en SNHG18, un lncRNA cuxa implicación na patoloxía hepática non fora estudada ata o de agora.

"É o primeiro proxecto sobre lncRNA do noso laboratorio e aborda un campo bastante inexplorado nas enfermidades hepáticas. Partindo da nosa observación preliminar de que SNHG18 presentaba unha regulación á alza en diversos modelos experimentais de dano hepático de distintas etioloxías, propuxémonos estudar o seu papel potencial no desenvolvemento da lesión hepática", explica o novo doutor do CiMUS.

Os resultados amosan que SNHG18 aumenta en resposta ao dano hepático e que o seu silenciamento agrava a lesión e a fibrose, o que apunta a un papel hepatoprotector. "Desde o punto de vista mecanístico, os nosos datos indican que SNHG18 carece de potencial codificante, localízase no citosol e asóciase con polisomas lixeiros e múltiples proteínas de unión ao ARN. Os niveis intrahepáticos de SNHG18 correlacionáronse co grao de fibrose e reflectiron a regresión da enfermidade tras a intervención antifibrótica", conclúe.

A tese, dirixida pola investigadora principal deste Centro Singular, Marta Varela Rey, foi avaliada por Miguel Fidalgo, da USC; Cristina Montiel Duarte, da Nottingham Trent University, e Beatriz Pelacho Samper, da Universidade de Navarra.

Traballo colaborativo

O desenvolvemento da tese contou coa colaboración de distintos grupos do CiMUS. O equipo de Miguel Fidalgo participou na optimización de sistemas lentivirais para ensaios de ablación xénica; o de Miguel González colaborou no deseño molecular e na construción de plásmidos para estudos de ganancia de función; e o grupo de Rubén Nogueiras achegou apoio técnico e metodolóxico en modelos experimentais de enfermidade hepática e metabolismo.

Joan Blázquez desenvolveu este traballo grazas a unha bolsa da Xunta de Galicia; realizou unha estadía internacional na KU Leuven (Bélxica) e foi seleccionado para presentar os seus resultados nunha comunicación oral no Congreso da AEEH de 2023.