As teses do CiMUS: Lucía Ramos Lage

O CiMUS da USC incorporou hoxe unha nova doutora a súa canteira de investigadores. Trátase de Lucía Ramos Lage, quen defendeu con éxito a súa tese doutoral titulada “Estudo funcional de GEN1 na protección da estabilidade do xenoma e o mantemento das células nai embrionarias.”
Este traballo revela a GEN1 como un gardián clave da integridade xenómica nas células nai embrionarias.
Esta tese identifica a resolvasa de unións de Holliday GEN1 como un elemento crucial de protección nestas células, xa que a súa perda compromete a viabilidade e provoca unha sinalización persistente de dano no ADN, fusións cromosómicas e un procesamento defectuoso dos intermediarios asociados á replicación baixo condicións de estrés replicativo. De forma destacada, tanto a GEN1 cataliticamente activa como a inactiva restauran a formación de colonias, o que apunta a posibles funcións independentes da súa actividade nucleasa.
O estudo, dirixido polos investigadores deste Centro Singular, Miguel Ángel Fidalgo Pérez e Diana Guallar Artal, foi avaliado por un tribunal conformado por Francesco Faiola, da University of Chinese Academy of Sciences; Miguel González Blanco, da Universidade de Santiago de Compostela, e Bárbara Pernaute Lomba, da Universidade Pablo de Olavide.
Para a investigación doutoral, o financiamento foi proporcionado a través de proxectos concedidos aos directores de tese: a Dra. Diana Guallar por MICIN / AEI / FEDER (PID2022-136608OB-I00), a Fundación Ramón Areces (2022-PO062) e a Xunta de Galicia (ED431C2023/28, ED431C2023/28 e ED481A-2023-138), e o Dr. Miguel Fidalgo por MICIN / AEI / FEDER (PID2019-105739GB-I00 e PID2022-143105NB-I00). A Dra. Diana Guallar é beneficiaria dun contrato Ramón y Cajal (RYC2019-027305-I). Lucía Ramos Lage contou co apoio dunha axuda predoutoral da Xunta de Galicia (ED481A-2023-138).
A nova doutora do CiMUS realizou unha estancia de investigación no Genome Damage and Stability Centre en Brighton baixo a supervisión de Evi Soutoglou, financiada mediante unha EMBO Scientific Exchange Grant.
