Ir o contido principal
Científica

As teses do CiMUS: María Luengo Mateos

O CiMUS da USC incorporou hoxe unha nova doutora á súa canteira de investigadores. Trátase de María Luengo Mateos, quen defendeu con éxito a súa tese de doutoramento titulada “Papel do reloxo biolóxico dos astrocitos nas enfermidades metabólicas asociadas ao envellecemento”.

Este traballo pon de manifesto o papel fundamental dos astrocitos como nodos de integración e regulación circadiano-metabólica no hipotálamo, cunha función que vai moito máis alá do soporte estrutural e que resulta esencial para o mantemento da homeostase enerxética e da lonxevidade.

A natureza sexualmente dimórfica dos fenotipos observados subliña de forma inequívoca a importancia de incorporar o sexo como unha variable biolóxica fundamental no estudo dos trastornos metabólicos e do envellecemento, tanto no deseño dos modelos experimentais como na interpretación dos resultados obtidos. Así mesmo, este traballo abre novas vías para o desenvolvemento de intervencións cronoterapéuticas diferenciadas por sexo, con potencial aplicación no tratamento de enfermidades metabólicas e asociadas ao envellecemento.

 

Ritmos circadianos e envellecemento

Os ritmos circadianos son ciclos de aproximadamente 24 horas que permiten aos organismos optimizar os seus procesos fisiolóxicos en sincronía coa contorna. Existe unha estreita relación entre a alteración dos ritmos circadianos, os trastornos metabólicos e o envellecemento prematuro, aínda que os mecanismos que subxacen a estas interaccións seguen sen coñecerse completamente.

«Nesta tese de doutoramento, mediante modelos murinos condicionais con deleción de xenes de interese e aproximacións viroxenéticas, investigamos como os reloxos biolóxicos dos astrocitos regulan o equilibrio enerxético, a ritmicidade metabólica e o comportamento locomotor circadiano de forma dependente do sexo. Ademais, exploramos o papel da proteína AMPK como sinal sincronizadora dos reloxos dos astrocitos e como a alteración tanto de AMPK como do reloxo astrocítico afecta á lonxevidade e ás alteracións metabólicas asociadas ao envellecemento en ratos, con efectos sexualmente dimórficos», explica a nova doutora do CiMUS.

A tese, dirixida pola investigadora principal deste Centro Singular Olga Barca, foi avaliada por un tribunal composto por Marcos Ríos García, investigador Ramón y Cajal da Universidade de Santiago de Compostela; María Jesús González Rellán, do Lunenfeld-Tanenbaum Research Institute (Sinai Health, Toronto, Canadá); e Ana Rita Costa e Silva Álvaro, do CNC-UC, CIBB, IIIUC, Universidade de Coimbra, Coimbra, Portugal.