As teses do CiMUS: Philipp Lapuhs

O CiMUS da USC incorporou esta semana un novo doutor a súa canteira de investigadores. Trátase de Philipp Lapuhs, quen defendeu con éxito a súa tese de doutoramento titulada “Enxeñaría de nanotransportadores como unha plataforma programable para a administración de ARN a través de barreiras biolóxicas”, un traballo que contribúe a acelerar a translación clínica da nanomedicina baseada en ARN e cuxos resultados teñen unha clara proxección internacional.
As terapias baseadas en ARN, como o siRNA e o ARNm, están chamadas a transformar o tratamento de enfermidades como o cancro ou os trastornos neurolóxicos. Porén, a súa aplicación clínica continúa enfrontándose a importantes barreiras biolóxicas que dificultan que estes tratamentos alcancen de maneira eficaz os tecidos diana. Co obxectivo de superar estas limitacións, a investigación desenvolvida por Lapuhs propón unha plataforma modular de nanotransportadores capaz de mellorar a administración de ARN en diferentes contextos terapéuticos.
O traballo demostra a aplicación da enxeñaría da coroa proteica para o direccionamento sistémico a tumores pulmonares, a produción in situ de axentes biespecíficos de unión a células T para a inmunoterapia contra o cancro e a penetración no parénquima cerebral con administración selectiva de ARN a tipos celulares específicos.
Mediante o control racional da química superficial, da composición e das propiedades mecánicas dos nanotransportadores, esta tese proporciona, polo tanto, un marco preditivo de deseño que contribúe a acelerar a translación clínica de terapias baseadas en ARN en oncoloxía e en enfermidades do sistema nervioso central.
A tese, dirixida por María José Alonso Fernández, desenvolveuse en estreita colaboración cos grupos de investigación liderados por Anxo Vidal e José Luis Labandeira no CiMUS. O proxecto combina a continuidade de liñas de investigación xa consolidadas co desenvolvemento de enfoques pioneiros no ámbito da nanomedicina.
O tribunal encargado de avaliar a tese estivo integrado por Jeffrey S. Hrkach, consultor independente; Natalia Carballo Pedrares, de Smart Vitamins S.L.; e Álvaro Somoza Calatrava, do Instituto IMDEA Nanociencia.
Os resultados desta investigación deron lugar a diversas publicacións científicas de relevancia internacional, entre as que destacan:
- Personalized Cancer Nanomedicine: Overcoming Biological Barriers for Intracellular Delivery of Biopharmaceuticals.
- Nanoemulsions and nanocapsules as carriers for the development of intranasal mRNA vaccines.
- Ionizable nanoemulsions for RNA delivery into the central nervous system – importance of diffusivity.
- Bispecific antibodies and nanotechnology: a strategic alliance in cancer immunotherapy.
- Overview of endogenous targeted delivery strategies.
- A multiscale approach to lipid nanoparticle engineering from molecular structure to in vivo performance.
