As teses do CiMUS: Raquel Carreira Rodríguez
Avances na compresión de como as células reparan o seu ADN para preservar a información xenética
![]() |
| Raquel Carreira Rodríguez cos membros o tribunal. |
A nova tese do CiMUS, "Análise do procesamento de intermediarios de recombinación complexos por endonucleasas selectivas de estrutura", defendida no grupo DNA Repair and Genome Integrity por Raquel Carreira Rodríguez, adéntrase no estudo dos mecanismos de reparación do ADN. A través dun enfoque bioquímico, conseguiuse reconstruír no tubo de ensaio as reaccións nas que un tipo de endonucleasas, encimas capaces de cortar cadeas de ADN, interveñen neste proceso de reparación. Ademais, neste traballo, dirixido por Miguel González Blanco, recapítulase por primeira vez in vitro a formación dun tipo concreto de reordenamento cromosómico, os semientrecruzamentos, que poden resultar da actividade inadecuada destas nucleasas.
Afondar no coñecemento do noso ADN
Estímase que o ADN en cada unha das nosas células sofre entre 10 e 20 roturas de dobre cadea ao día. Este tipo de roturas representan unha das lesións máis citotóxicas que existen, xa que, de non reparase adecuadamente, poden derivar na perda de grandes cantidades de información xenética. Para evitar as desastrosas consecuencias que isto suporía, as células posúen diversos mecanismos para a súa reparación. Entre eles, a recombinación homóloga considérase a vía de reparación máis segura, xa que utiliza a información presente noutra molécula de ADN intacta de secuencia idéntica (ou case) para recuperar a información perdida. Con todo, a recombinación homóloga tamén implica a formación de estruturas ramificadas que conectan dúas moléculas de ADN e que poderían constituír unha fonte de inestabilidade xenómica se non se procesan a tempo. Para evitar que estas estruturas interfiran coa segregación dos cromosomas, as células recorren á acción das endonucleasas selectivas de estruturas Mus81-Mms4 e Yen1.
"Nesta tese utilizamos un enfoque bioquímico para demostrar que ambas endonucleasas poden procesar o intermediario central desta vía, o bucle de desprazamento (D-loop)", explica a investigadora do CiMUS. Para iso, "xeramos D-loop sintéticos (formados pola hibridación de oligonucleótidos de cadea sinxela) e D-loops reconstituidos enzimáticamente (de forma análoga a como ocorre nas células) e identificamos os puntos de corte producidos polas endonucleasas", engade.
"Ademais, recapitulamos por primeira vez a formación dun tipo específico de estrutura in vitro, o semientrecruzamento, o que suxire que a acción simultánea de Mus81-Mms4 e Yen1 sobre os D-loops pode derivar na xeración de reordenamentos cromosómicos complexos", conclúe Raquel Carreira.
Os resultados derivados desta Tese Doutoral aínda están en fase de publicación, aínda que a investigadora xa participou noutros proxectos dos que derivaron diversos artigos que asina como primeira autora.
Beneficiaria dunha bolsa predoctoral Axudas de apoio a etapa predoutoral da Xunta de Galicia, Raquel Carreira realizou tamén unha estancia de investigación de cinco meses no laboratorio do Dr. Lumir Krejci, Masarik University (Brno, Czech Republic).

