Ir o contido principal
Científica

As teses do CiMUS: Rocío Seoane Abelenda

Rocío Seoane Abelenda súmase á canteira de novos investigadores do CiMUS da USC. Faino tras defender onte con éxito a súa tese doutoral "Modulación das modificacións post-traducionais tras a infección co virus Influenza A" en formato semipresencial; un traballo que estivo dirixido pola investigadora principal deste Centro Singular, Carmen Rivas, e que foi avaliado polo investigador principal do CiQUS, José Manuel Martínez Costas; pola investigadora principal no bioGUNE de Bilbao, Rosa Barrio, e polo investigador do Bernhard Nocht Institute for Tropical Medicine, César Muñoz-Fontenla. 

Neste traballo, realizado no grupo Virus e Cancro do CiMUS, estudouse e afondouse no papel das modificacións post-traducionais como mecanismos clave na interacción virus-célula. Concretamente estudouse o rol das modificacións post-traducionais no contexto da infección viral, fundamentalmente con respecto ao virus Influenza A, causante da gripe. Nel afondouse na relevancia da hipusinación na infección con virus de ARN e caracterizouse a nivel molecular a regulación do factor de elongación eIF5A polos membros da familia da ubiquitina SUMO ou NEDD8. 

"Nesta tese propúxose tamén ao virus Influenza A como modulador da NEDDilación nas células hospedadoras. Deste xeito, tras a infección con este virus prodúcese unha reprogramación das proteínas NEDDiladas pondo de relevancia o rol da NEDDilación na infección viral. Entre estas proteínas destaca NS1, unha proteína viral multifactorial cuxo principal rol é inhibir, por distintos mecanismos, a resposta antiviral da célula fronte ao patóxeno", explica Rocío Seoane.  

Neste traballo identifícanse as lisinas implicadas na NEDDilación de NS1 e o rol da NEDDilación desta proteína, posto que unha versión mutante da mesma pero que non é capaz de NEDDilarse, non é capaz de inhibir a produción de interferón nas células infectadas e polo tanto un virus recombinante con esta proteína mutada ve afectada negativamente a súa replicación.

"É importante sinalar tamén que nesta tese proponse por primeira vez a modificación de proteínas por UFM1, outro membro da familia da ubiquitina, como mecanismo importante na replicación viral polo virus Influenza", sinala a súa autora. Para iso neste traballo descríbese que o virus pode inducir a UFMilación nas células e a inhibición da mesma afecta negativamente á replicación da mesma, suxerindo que esta modificación ten un papel importante no ciclo replicativo do virus. Ademais, afóndase na interrelación entre os membros da familia da ubiquitina xa que se demostra que UFM1 pode ser regulado tanto por SUMO como por NEDD8, engadindo un maior nivel de complexidade ao estudo da UFMilación.

A autora desta tese obtivo un contrato predoctoral financiado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia no ano 2020, que lle permitiu ademais a realización dunha estancia predoctoral de seis meses no laboratorio do Dr. Adolfo García-Sastre no Icahn School of Medicine at Mount Sinai, en Nova York.

 

Pé de foto: Rocío Seoane cos membros do tribunal de avaliación.