As teses do CiMUS: Sabela Casado Masa
Avances no estudo de LEAP-2 como nova diana terapéutica para o tratamento da obesidade
- Este traballo abre as portas para futuras investigacións para outras doenzas como MAFLD e outras enfermidades metabólicas
![]() |
A nova tese defendida no CiMUS da USC por Sabela Casado afonda na acción da LEAP-2 sobre o metabolismo enerxético e os seus efectos opostos á ghrelina na regulación da homeostasis enerxética. Dirixido por Carlos Diéguez, director do centro e Sulay Tovar, ambos os investigadores do CIBEROBN, o traballo leva por título "LEAP-2, integración funcional tecido específica no balance enerxético".
Máis sobre o sistema da ghrelina
O descubrimento de LEAP-2 como un novo elemento do sistema de ghrelina e con accións antagónicas na regulación do balance enerxético abriu un novo campo de estudo debido ao seu gran potencial como unha posible diana terapéutica anti-obesidade. Utilizando modelos preclínicos, Sabela Casado analizou a través do seu traballo os seus efectos sobre gasto enerxético, termoxénese e o metabolismo hepático en diferentes condicións como son obesidade inducida por dieta e resistencia a ghrelina e durante o envellecemento.
Os resultados obtidos indican que a LEAP-2 é regulado polo estado nutricional de forma inversa á ghrelina e que a súa administración central exerce importantes accións sobre o metabolismo enerxético. Así mesmo, tamén constatou a través dos experimentos realizados in vitro que LEAP-2 actúa de maneira directa sobre o fígado e o tecido adiposo.
O traballo desta tese derivou en varios artigos publicados en destacadas revistas científicas.

