Ir o contido principal
Científica

As teses do CiMUS: Sanaz Sabzehei

O CiMUS da USC sumou esta semana unha nova doutora a súa canteira de investigadores. Trátase de Sanaz Sabzehei, quen defendeu con éxito a súa tese doutoral titulada “Despregar para replegar: seguimento dos pasos iniciais do despregamento de PrPC no contexto da propagación de PrPSc”. Trátase dunha investigación fundamental que supón un importante avance cara a comprensión do mecanismo de propagación dos prións.

Para a realización deste traballo, levouse a cabo o despregamento térmico de PrPC recombinante de campañol (bank vole) PrPC(90–231), un propagador universal de PrPSc, seguindo os cambios a nivel de residuo mediante RMN en solución co obxectivo de identificar a propensión temperá ao despregamento.

“Os nosos datos suxiren que un evento temperán clave é a desestabilización do ensamblaxe curto β1–β2, e que o segmento contiguo á cola desordenada (~121–140), que abrangue β1 e os seus bucles adxacentes, é a rexión máis probable en despregarse primeiro. Os datos espectroscópicos obtidos a temperaturas máis altas suxiren que porcións da hélice alfa α2 son probablemente os últimos elementos do FD en despregarse e replegarse cara a conformación de PrPSc”, explica a nova doutora do CiMUS.

“As simulacións de dinámica molecular axudaron a interpretar estes cambios e suxiren a separación de α1 do resto do conxunto do FD. Os nosos datos proporcionan unha cronoloxía plausible dos eventos temperáns na conversión de PrPC asistida por PrPSc e deberían servir como marco inicial para desenvolver un futuro modelo atomístico da propagación de PrPSc”, conclúe.

Este traballo, dirixido polo investigador principal do CiMUS Jesús R. Requena e avaliado por un tribunal composto por Mª Ángeles Canales (Universidade Autónoma de Madrid), David Pantoja (Instituto de Biofísica Blas Cabrera, CSIC, Madrid) e Roberto Fattorusso (Università degli Studi della Campania, Nápoles), dá continuidade a unha liña de investigación de longa tradición dentro do PrionLab e abre novas colaboracións, entre elas co grupo de Carmen Rivas, centradas na interface entre a bioloxía celular das proteínas priónicas e a SUMOilación.

A tese tamén se desenvolveu en colaboración con investigadores do CIC bioGUNE (País Vasco), a Universidade de Trento (Italia) e o INRAE (París, Francia).

Os resultados desta investigación foron aceptados para a súa publicación en Proceedings of the National Academy of Sciences of the USA: Sabzehei S. et al. Exploring PrPC unfolding as a critical step preceding its refolding in the context of PrPSc propagation. 2026, in press.